A Xunta fecha por un mes a mobilidade e a hostalaría en 60% da Galiza

Feixoo anuncia novas restricións, feche da hostalaría (Europa Press)
Desde a media noite de mañá, 6 de novembro, a actividade da hostalería queda suspendida nas sete cidades e noutros 53 municipios. É unha das medidas acordadas polo Goberno galego para tratar de reverter o empeoramento da situación epidemiolóxica na Galiza, que abeira xa os 10.000 casos activos e supera os 950 falecementos. As restricións inclúen limitación da mobilidade neses 60 concellos e outras actuacións para reducir a actividade á esencial. A oposición reclama axudas para os sectores máis afectados, reforzos sanitarios e máis contundencia ante a evolución da pandemia.

Tres obxectivos perseguen, segundo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, as novas medidas contra a pandemia que desde a media noite da sexta feira, día 6, e por un mes endurecerán de forma considerábel as restricións nas sete cidades e noutros 53 municipios que representan 60% da poboación galega: rebaixar o "estrés" sanitario en UCI e hospitais, e tamén nos centros de maiores e de discapacidade, evitar un novo confinamento domiciliario e, como "terceiro e máis difícil", tentar salvar a campaña de Nadal, "un dos momentos de maior consumo tradicionalmente", desde o punto de vista económico e tamén social. 

Con estes argumentos, Feixoo presentou onte as novas limitacións, que manteñen os fechamentos para a mobilidade aplicados desde a pasada semana nas principais zonas urbanas, agora estendidos a outros concellos da súa área de influencia, e engaden novos recortes da actividade económica e social. 

Desta maneira, os confinamentos aplicaranse de forma perimetral na Coruña, Arteixo, Culleredo, Cambre e Oleiros; en Compostela, Ames, Boqueixón, Oroso, O Pino, Teo, Trazo, Val do Dubra e Vedra; en Ferrol, Ares, Neda, Narón e Mugardos; en Ourense, Amoeiro, Barbadás, Coles, Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas e Toén; en Pontevedra, Vilaboa, Marín, Ponte Caldelas, Poio, Barro, Cerdedo-Cotobade, Campolameiro e Soutomaior; en Vigo con Mos, Nigrán, Gondomar, Porriño e Redondela, e en Lugo.

A maiores, as normas reforzadas operarán tamén en Vimianzo, Monforte, Burela Viveiro, O Carballiño, Verín, Xinzo, Cangas, A Estrada, Lalín, Silleda, Ponteareas, Tui, Cambados, O Grove, e Vilanova e Vilagarcía de Arousa, núcleos con taxas de incidencia superiores aos 200 casos por cada 100.000 habitantes e con tendencia ascendente, segundo expuxo o presidente do Goberno galego.

En todas estas poboacións, 60 en total, a prohibición de entrada e saída máis alá de por motivos laborais, educativos, administrativos ou de atención de persoas menores, maiores ou vulnerábeis acompáñase dunha suspensión da actividade non esencial que supón a clausura da hostalaría, exceptuando o servizo a domicilio, e redución da capacidade para actividades como a cultural ou a deportiva.

Os novos acordos, deseñados coa colaboración do comité clínico que está a asesorar a Xunta na xestión da pandemia, engaden, para o conxunto do país, outras limitacións que inclúen unha redución da capacidade do transporte público, dos espazos comúns das áreas comerciais e nas residencias de maiores.

Feixoo tamén avanzou a intención de manter o toque de recoller na mesma franxa horaria –de 23 a 6 horas– máis alá do 9 de novembro, data na que o Executivo estatal deriva a decisión nos Gobernos territoriais.   

 "Canto máis se tarde en actuar, máis difícil será a contención e máis profunda será a afectación económica", xustificou na súa comparecencia Feixoo, que apelou ao "empeoramento" de todos os indicadores para avalar unhas decisións "nada fáciles", en especial para a hostalaría.

"Máis fácil sería a opción de agardar, como parece ser a do Goberno español, mais para nós é inasumíbel", manifestou, aludindo ao agravamento da situación epidemiolóxica, tanto a nivel xeral como na Galiza, a partir da segunda quincena de outubro.  

Desde esa data, a Xunta certifica un incremento de 111% dos contaxios, cun aumento da taxa de incidencia a sete días de 105% e de 152% a 14, e cunha progresión que vai dos 4.569 casos a 14 de outubro até os 9.642 de onte, cando se computaban 473 persoas hospitalizadas, 80 en UCI e 644 novos contaxios.

"Debemos frear a tendencia", incidiu Feixoo, para quen as medidas acordadas, seguindo as que se foron tomando na comarca do Carballiño, van supor "un reseteo do sistema sanitario" dirixido a rebaixar de forma contundente a presión hospitalaria e das UCI e reducir o número de novos casos activos, coa vista posta na campaña comercial de decembro. 

Diante destas actuacións, a portavoz da primeira forza da oposición, a nacionalista Ana Pontón, valorou as novas restricións como "un primeiro paso, mais insuficiente" e volveu apelar a accións máis "drásticas", como o confinamento, "para loitar contra o descontrol do virus", visto o "récord de contaxios e de falecementos", que onte chegaban aos 951. Tamén, o BNG reclamou axudas para o sector hostaleiro, cuxo "confinamento" sen apoio  previo representa, en palabras de Pontón, "unha nova proba da improvisación coa que actúa o Goberno do PP".

Tamén o PSOE demanda, fronte a "improvisación" da Xunta, un plan extraordinario de axudas directas aos sectores afectados polo fechamento e exixe reforzos para a Atención Primaria e os equipos de rastrexadores e de realizacións de PCR

Para o sector hostaleiro, a suspensión da actividade resulta, segundo advertiron onte varios representantes, "desproporcionada" e supón un "disparo na sen" para uns negocios que xa se atopan ao límite e que reclaman ao Goberno galego un plan de rescate urxente. 

Hostalaría e restauración

As novas indicacións fechan estes negocios nos 60 concellos con maior incidencia da pandemia por un período previsto dun mes. A única actividade posíbel será, tanto para restaurantes como para bares e cafetarías, o servizo a domicilio e de recollida. "Pedímoslles grandes esforzos para contribuír a mitigar e reducir os contaxios. Pido sensibilidade cun sector ao que  impedimos traballar e obrigamos a fechar sen alternativa", sinalou Feixoo, que adiantou que o Consello da Xunta desta mañá avaliará "novas medidas para este sector e os seus traballadores".

Comercio

As pautas non atinxen a actividade comercial, que poderá seguir funcionando coas limitacións de capacidade que tiña até o momento en todo o país. Si se estabelece, a nivel xeral, unha redución, até 30% da capacidade, das persoas que poden ocupar os espazos comúns das grandes áreas comerciais, mentres que no interior dos negocios destes recintos o límite mantense en 50%.

Deportes e cultura

Os municipios afectados polas novas normas verán limitada a actividade deportiva á de orde individual. En canto á cultura, as medidas seguen a permitir a actividade, mais os recintos –cines, teatros, auditorios...– deberán restrinxir a 50% o acceso de público sentado, sen sobrepasar as 30 persoas en interior e as 75 en exterior.  

Transporte e mobilidade

Os concellos onde se aplicarán as últimas decisións terán restrinxida a entrada e saída agás por causas taxadas, como son as laborais, educativas e de coidados. Ademais, como medida xeral, a Xunta aplicará desde mañá unha redución das capacidades no transporte público non escolar, onde só se poderá ocupar 50% dos asentos e 25% do espazo para viaxar de pé. No caso do transporte interurbano, a limitación será de 50% da capacidade. Segundo xustificou Feixoo, a restrición non afecta o transporte escolar porque neste os asentos están xa asignados ao alumnado que pode empregalo desde o inicio do curso. 

Residencias

Nas residencias de maiores, con xa máis de 750 casos entre persoas usuarias e persoal,  a Xunta artella tamén, a nivel de toda Galiza, unha limitación das saídas de residentes fóra dos centros. Mantéñense polo momento as visitas de familiares nas condicións de distanciamento e hixiene que levan funcionando nos últimos meses. 

[Podes ler a reportaxe completa no Nós Diario en papel, que podes atopar nos quioscos e puntos de venda habituais ou na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte aquí]