Xunta restrinxe en 60 concellos toda actividade que non sexa esencial

Control nun acceso a Compostela (Foto: Riobóo Prada)
As novas restricións afectan 6 de cada 10 galegos e galegas e entrarán en vigor a partir das 15:00 horas da sexta feira, día 6, e durarán 1 mes.

Núñez Feixoo anunciou hoxe unha serie de novas restricións que se aplicarán en 60 concellos galegos. Os municipios afectados son as grandes cidades galegas e a súa área perimetral, así como outros municipios cunha alta taxa de incidencia acumulada. Neles reside 60% da poboación galega.

As novas restricións entrarán en vigor a partir das 15:00 horas da sexta feira, día 6, e durarán 1 mes. Feixoo xustifica a súa adopción como paso "para evitar un confinamento domiciliario" e tamén para "salvar" a campaña de Nadal.

Que medidas son? O propio presidente foi debullando as novas restricións:

- Restrinxir toda actividade que non sexa esencial
- Peche perimetral
- Peche da hostelaría agás para servizos de recollida de comida ou servizo a domicilio
- Reducir a práctica de deporte á que se fai individualmente.
- C
inemas, teatros, auditorios reducen a súa capacidade a 30 persoas en interior e 75 en exterior.

Seguen permitidos os movementos por causas laborais, educativas, de coidados e sanitarios.

"Adoptamos estas medidas para tentar evitar un confinamento domiciliario", afirma Feixoo

Que concellos?

Os concellos afectados por esta nova serie de medidas son:

A Coruña, Arteixo, Culleredo, Cambre e Oleiros
Lugo
Santiago, Ames, Teo, Boqueixón, O Pino, Val do Dubra, Traz, Vedra, Oroso
Ferrol, Ares, Fene, Neda, Narón e Mugardos.
Ourense, Barbadás, Amoeiro, Coles, Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas e Toén
Pontevedra, Marín, Vilaboa, Poio, Pontecaldelas, Barro, Campolameiro, Cerdedo-Cotobade e Soutomaior
Vigo, Gondomar Mos, Nigrán, Porriño e Redondela.

Fóra desas grandes zonas urbanas, tamén se aplicarán estas medidas a concellos cunha taxa de incidencia acumulada superior a 200, como: A Estrada, Lalín, Silleda, Ponteareas, Tui, Cambados, O Grove, Vilanova de Arousa e Vilagarcía,Vimianzo, Monforte, Burela, Viveiro, O Carballiño, Verín, Xinzo e Cangas.

Nestes 60 concellos as xuntanzas están limitadas a conviventes, sen límite. No resto da Galiza aumentarase a 6 o máximo de persoas en reunións sociais. 

No conxunto da Galiza, ademais, vanse limitar as saídas de usuarios fóra das residencias, mais mantéñense as visitas. Redúcense aforos en centros comerciais e no interior das tendas será do 50 %.O  tranporte público non escolar reduce o seu aforo ao 50 % en cadeiras e 25 % de pé.

Feixoo cualificou a situación de "preocupante" e puxo o 14 de outubro como data a partir do que se ven producindo unha repunta de contaxios que cualifica como "perigosa".  Por iso, sinalou, cómpre "ampliar as limitacións", tanto polo ben da saúde da poboación como da "economía", na liña, dixo, do que se está a facer en Europa.

Mantense o toque de recoller no horario en vigor, de 23:00 a 6:00 horas.

Por zonas

O presidente defendeu que as restricións non se apliquen por igual en toda Galiza xa que a situación epidemiolóxica do país non é "uniforme". Iso, si sinalou que as novas medidas para estes 60 concellos: "A regra xeral é que estás decisións son para catro semanas"