A Xunta concede autorización ambiental a un eólico na cabeceira da ría de Pontevedra ao que se opón a veciñanza
A Xunta da Galiza concedeu a autorización ambiental ao parque eólico Castrove, situado no monte de mesmo nome na cabeceira da ría de Pontevedra, nunha extensión que abarca os concellos de Poio, Pontevedra, Barro e Meis (Comarcas de Pontevedra e O Salnés). Trátase dun proxecto que provocou diferentes mobilizacións veciñais nos últimos tempos, ademais do rexeitamento de varios municipios da contorna.
Segundo o expediente que acaba de publicar a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, esta obra será "ambientalmente viábel" sempre que se cumpran diferentes condicionantes que se estabelecen.
O parque, impulsado pola sociedade Parque Eólico Cadaval e Ventoso, contará cunha potencia instalada de 24 megawatts (MW) e reduciu de catro a tres o seu número de muíños para rebaixar impactos. Suporá a apertura de máis de dous quilómetros de viais para a construción e a escavación de máis de tres quilómetros para o soterramento de cabls, ademais da instalación dunha subestación.
O informe recolle que o proxecto eólico –que recibiu máis de 600 alegacións– atópase nunha zona con "moi alta exposición visual", xa que Castrove, na cabeceira da ría de Pontevedra "é unha referencia visual permanente" nunha contorna cunha poboación afectada de máis de 200.000 persoas. Os seus asentamentos máis próximos están a un quilómetro, Río Mouro e A Escusa, aínda que a poucos quilómetros está a propia cidade de Pontevedra, desde a que serán visíbeis os aeroxeradores, ou Combarro, lugar de interese histórico artístico.
Malia a viabilidade que reflicte o informe emitido pola Xunta, o expediente detecta que na contorna do proxecto atópanse diferentes petróglifos, especies en perigo de extinción e hábitats de interese comunitario e prioritario, ademais dunha afección visual para os Bens de Interese Cultural como os mosteiros de Poio e Armenteira, "agravados pola presenza doutros parques eólicos en funcionamento". No entanto, a Xunta conclúe que as medidas correctoras e de control a realizar fan viábel ambientalmente o parque eólico.
Entre outros informes de diferentes departamentos da Administración galega, obsérvase que "no que respecta á posíbel localización do petróglifo Monte Castrove (declarado BIC nos anos 60), a consulta das publicacións que o deron a coñecer no pasado indicaría que este se situaría nos contrafortes do monte Castrove, e cara ao emprazamento do mosteiro de Armenteira, non no pico do monte".
Ademais, o Goberno galego estabelece actuacións como "completar o máis rápido posíbel" traballos pendentes de documentación de afloramentos rochosos afectados, un control arqueolóxico sobre posíbeis aparicións de bens, así como medidas correctoras para paliar a visibilidade desde o mosteiro de Poio.
Aves salvaxes
O informe presta especial atención á tartaraña cincenta, ave na categoría de vulnerábel entre as especies ameazadas, para a cal estabelece a realización dun traballo previo da súa posíbel presenza.
Ademais, a Xunta fixa que se deben implementar tecnoloxías para reducir o impacto de colisións de aves e mitigar a mortalidade mediante sons de alerta ou a parada de turbinas, xunto á medida disuasoria do pintado das aspas.

