A Xunta avanza "boas novas" para bares e restaurantes de cara a vindeira ponte

O feche da hostalaría e a prohibición de xuntarse con non conviventes afecta a 60 concellos e preto de 60% da poboación galega. (Foto: Arxina)
Ultima o plan propio de restricións para a hostalaría, que consta de catro niveis. O segundo nivel corresponde aos municipios nos que se alivian as restricións máis duras e permite a consumición de persoas convivintes e un aforo limitado até as 17 horas.

Os estabelecementos de hostalaría e restauración da Galiza están máis preto de contar cun plan propio de medidas para facer fronte á Covid-19. A Xunta da Galiza partillou hoxe a súa proposta, que consta de catro niveis en función da situación epidemiolóxica do municipio no que se atopen. Corresponde hoxe ao comité clínico determinar os limiares dos indicadores sanitarios que permitirán o cambio de nivel.

Na folla de ruta da Administración galega o nivel 1, o máis restritivo, corresponde ao fechamento dos locais. Estes só poderán servir bebidas e alimentos para recoller ou repartilos a domicilio, caso dos que operan nalgúns dos 62 concellos galegos confinados perimetralmente na actualidade. No extremo oposto, o nivel 4 permitiríalles funcionar sen ningunha limitación horaria ou de capacidade. 

En tanto, no nivel 2 os estabelecementos poderán permanecer abertos até as 17 horas, cunha capacidade de 30% en interiores e 50% nas terrazas e, en principio, unicamente con convivintes partillando mesa. No seguinte nivel, o 3, amplíase o horario até as 23 horas, coincidindo co toque de recoller. Aumenta tamén a capacidade a 50% en interiores e 75% nas terrazas, con grupos dun máximo de seis persoas que non terán xa que ser conviventes.

A fórmula da Xunta difire da do propio sector, que solicitaba que no primeiro nivel de apertura xa se permitisen grupos de non convivintes limitados a catro persoas. A maiores da súa proposta, os representantes da hostalaría solicitaron que se comuniquen "con antelación" as restricións a aplicar de agora en diante. Por exemplo, na xornada na que se comunicou o fechamento perimetral de seis cidades, pois Ourense xa estaba confinada, a intención inicial da Administración era a súa entrada en vigor tres horas despois de anunciala.

A intención da Xunta é que ao longo do mes de decembro se avance nas fases deste particular desconfinamento da hostalaría. Hoxe o presidente, Alberto Núñez Feixoo, avanzou "boas noticias" para sector en boa parte da Galiza "esta mesma fin de semana" que, segundo agregou, están "avaladas polos datos".

Feixoo non aclarou os municipios afectados por estas boas novas. A pasada semana o comité clínico valorou a evolución positiva de Ourense e mais o de Santiago de Compostela. Porén, a Consellaría de Sanidade descartou aliviar as medidas que pesan sobre estes municipios desde o 7 de outubro e o 31 de outubro respectivamente.

"Imos ver como finalizamos a proposta", engadiu o líder do Executivo galego, ao tempo que asegurou que "antes da ponte" anunciarán unhas decisións e avanzou "outras" máis preto do Nadal. Paralelamente, fica pendente de confirmar o posíbel fechamento da Galiza na propia ponte, unha media que o responsábel de Sanidade, Julio García Comesaña, apuntou que se estaba a valorar. 

Protestas do sector

Na mesma xornada, a Asociación de Hostaleiros e Empresarios de Pontevedra encabezou unha protesta no municipio na que alertou da "situación límite" do sector. A última liña de axudas para a hostalaría posta en marcha pola Xunta recibiu máis de 6.000 solicitudes desde o pasado sábado, cando se activou.