Covid: Sanidade admite preocupación polo Nadal mentres valora se pechar Galiza durante a ponte

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha comparecencia no Parlamento galego. (Foto: Arxina)

O conselleiro García Comesaña asegurou sobre o peche perimetral que non o desbota, "mais tampouco diría que imos facelo".

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, cualificou de "estábel" a situación na Galiza en relación ao "decrecemento das infeccións" por Covid-19, aínda que admitiu preocupación pola repercusión na incidencia de casos que poida ter o Nadal.

"Preocúpanos que todo este esforzo póidase ver malgastado se no Nadal volvemos ás aglomeracións", dixo ao ser preguntado polas imaxes que se puideron ver nalgunhas cidades no Estado español esta fin de semana.

Nunha comparecencia ante os medios, coincidindo coa súa visita á asociación Comité Antisida da Coruña (Casco), e a preguntas dos xornalistas, asegurou que están a traballar nesta cuestión, barallando "todas as posibilidades", para garantir que "todo o que se conseguiu con ese esforzo importante da cidadanía, non se perda".

Mentres, sobre a situación en xeral na Galiza, admitiu que non é "fácil" describila no seu conxunto por ser o panorama "moi diverso" en función dunhas zonas ou outras. Con todo, remarcou que hai "unha situación estábel no decrecemento das infeccións", pero alertou que isto pode "reverter". "Os contaxios non saen gratis, unha porcentaxe deles acaba ingresado en planta e en UCI", lembrou.

En particular, destacou o comportamento nas áreas perimetrais de Santiago e Ourense, cunha evolución "moi boa, estábel no tempo". No caso da Coruña, dixo que se está "aproximando", aínda que admitiu que non vai "todo o rápido" que lles gustaría.

Mentres, dixo que están "máis pendentes" da situación en Lugo, Ferrol, Vigo e Pontevedra. Desta última, expuxo que "por fin se empezou a notar ese decrecemento".

En xeral, considerou que a situación nas distintas áreas sanitarias é "aceptábel". Así, apuntou que en porcentaxe de ocupación de camas UCI e de hospitalización é "bastante mellor que no peor momento do pico da primavera". "Un 57% por baixo do noso pico máximo en camas de UCI e un valor parecido na hospitalización", resumiu.

Peche da Galiza

E, aínda que destacou sobre todo a diminución dos pacientes ingresados na UCI, recalcou que hai que velo "cada día", algo ao que tamén se referiu ao ser cuestionado se haberá peche perimetral da Galiza na ponte de decembro.

"Non hai nada pechado", engadiu remitíndose ao comité clínico desta terza feira e o da sexta. Así, asegurou que non o desbota, "pero tampouco diría que imos facelo". "Está riba da mesa", sinalou Comesaña, quen engadiu que tamén o están outras "posibilidades".

Á pregunta de se este peche perimetral de Galiza podería estar asociado ao levantamento do mesmo nas cidades, dixo que "non necesariamente". Sobre a situación nelas, recalcou que non desbotan "que puidese haber algún tipo de relaxación de restricións" naquelas con "moi boa evolución".

No entanto, remitiuse ás decisións do comité clínico, do que asegurou que a súa prioridade é a "situación sanitaria", ao ser preguntado polas demandas do sector da hostalaría para unha desescalada. "Valoramos a súa opinión, pero o criterio fundamental é clínico", insistiu.

Requirido de novo para concretar se a desescalada podería empezar esta sexta feira ou despois da ponte, o conselleiro incidiu en que "depende da situación epidemiolóxica" e lembrou que, para unha decisión así, non se ten en conta só "o dato puntual dun día". "Hai que ver esa tendencia que valores leva, a situación das áreas sanitarias, os datos dos pacientes ingresados en UCI e en hospitalización e a valoración que fan as xefaturas territoriais".