Política social

A Xunta atrasa prestacións máis de un mes e págaas en campaña: "Estamos pasándoo mal"

Máis de 37.000 persoas perciben pensións non contributivas na Galiza. (Foto: Europa Press)
As máis de 37.000 galegas e galegos preceptores de pensións non contributivas levaban máis de un mes agardando polo complemento de actualización das súas prestacións, 218 euros, que deberían ter recibido nos primeiros dez días de xaneiro. Porén, a Xunta da Galiza fixo estes pagamentos antonte pola tarde, sen explicacións dos motivos do atraso.

Preceptoras de pensións non contributivas da Galiza denuncian unha espera de máis de un mes polo pagamento dos complementos asistenciais de atrasos por actualización das súas pensións. Un pagamento que este ano é de 218 euros e que perciben da Xunta de Galiza nos primeiros dez días do ano, pero que desta volta a Xunta fixo efectivo a cinco días das eleccións deste domingo.

Trátase de persoas que cobran as rendas máis baixas e que contaban con ter eses cartos a comezos de ano, xa que viven nunha situación de especial vulnerabilidade. Este pagamento é a segunda vez que se atrasa -as dúas baixo o Executivo de Alfonso Rueda- desde a súa posta en marcha en 2008. Mesmo se adiantara a decembro en varias ocasións (a última en 2022 polo propio Rueda).

As últimas cifras oficiais sitúan nunhas 37.000 as persoas preceptoras na Galiza destas rendas máis baixas. Así o anunciaba o propio presidente Rueda en rolda de prensa en abril de 2023 cando adiantaba estes pagamentos logo dun Consello da Xunta. Un investimento de 8 millóns de euros que supón para moitas familias galegas unha importante axuda económica de subsistencia. En 2023 Rueda xa o atrasara: fixo o anuncio en febreiro e o complemento ingresouse en abril, un mes antes das eleccións municipais do 28 de maio.

Un ano antes, en 2022, lonxe de datas de convocatorias electorais, a Xunta anunciaba o 24 de novembro 2022 o adianto desta axuda “que até agora se tramitaba en decembro”, segundo recoñecía o propio presidente en rolda de prensa explicando ademais que o adianto obedecía ao incremento da inflación e tiña a intención de axudar as persoas vulnerábeis para asumir o incremento do cesto da compra. .

“Estamos pasándoo mal”

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicaba o pasado 2 de febreiro o decreto polo que se estabelecen axudas sociais de carácter extraordinario a favor de pensionistas de xubilación e invalidez na súa modalidade non contributiva, a favor de persoas perceptoras das pensións do Fondo de Asistencia Social e das persoas beneficiarias do subsidio de garantía de ingresos mínimos. Coa fin de semana por medio, o pago de 218 euros chegou finalmente aos preceptores esta terza feira, a última hora da tarde, segundo confirmaron a Nós Diario varios beneficiarios.

Este complemento está en vigor na Galiza desde hai 16 anos e foi iniciativa do Goberno galego de coalición entre o PSdeG e o BNG (2005-200). Agora, o PP sostén que “somos a única comunidade que mantén este tipo de axudas”.

Trátase dun complemento fundamental para persoas vulnerábeis, que denuncian a Nós Diario que o atraso da Xunta deste ano fixo que “o pasáramos moi mal”. Suso é de Santiso (Terra de Melide), cobra unha pensión non contributiva e contaba con “tela ingresada en decembro ou xaneiro, como sempre”. A súa familia precisaba os cartos así que acudiu ao banco a pedir un adianto con cargo a este desembolso que tiña que ter feito a Xunta hai máis de un mes, “agora estamos pasando apuros mesmo para comer porque tiven que endebedarme para mercar comida e leña para quentar a casa”.

Críticas á Xunta por non informar do adiamento das prestacións

Preceptores de pensións non contributivas pendentes do pagamento do complemento autonómico sinalan a Nós Diario: “Contabamos con el e chega máis de un mes despois, ninguén nos informa dos motivos e nos bancos lavan as mans”. Mari Luz, en Vigo; Suso en, Santiso; ou Maika, en Compostela, son algúns dos nomes propios da Galiza vulnerábel que non entende porqué "a Xunta xoga cos seus dereitos". “Recibimos ese complemento hai moito tempo, e boa falta fai co caro que está todo simplemente para comer”.

Engaden á súa indignación o feito de non ter recibido comunicación algunha da Xunta ao respecto, “moita propaganda electoral e moitos sobres mandan á casa, pero nin unha carta para dicirnos que non nos ían pagar os 218 euros en xaneiro como nos correspondía, é o mínimo”, explica Suso de Santiso.

O certo é que recorrendo aos precedentes, no ano 2018 foi o 20 de decembro cando o Consello da Xunta aprobou este complemento, nese ano eran 206 euros para as rendas máis baixas. En 2016 tamén foi nas mesmas datas e estabelecendo o prazo de pagamento nos primeiros 10 días de xaneiro. En 2022 mesmo o adianto do pagamento chegou a finais de decembro. Por iso os preceptores deste complemento coinciden en sinalar "a campaña do PP" como causante do atraso.