Rueda non achega datas concretas de vacinación

A Xunta aspira a vacinar 40 mil persoas na primeira fase

O vicepresidente Rueda informou hoxe da aprobación do plan de vacinación no Consello da Xunta. (Foto: Xunta da Galiza)
Sen ofrecer datas concretas, o vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, informou hoxe do plan de vacinación da Covid-19 elaborado pola Xunta. Na primeira fase preténdese administrar a solución a 39.000 persoas usuarias e profesionais de residencias e 3.000 sanitarios.

O Consello da Xunta aprobou esta quinta feira o plan de vacinación contra a Covid-19 para comezar "de inmediato" a aplicar a solución en canto as doses cheguen á Galiza. Segundo informou en rolda de prensa o vicepresidente primeiro do Goberno galego, Alfonso Rueda, na primeira fase de vacinación priorizaranse as 22.000 persoas usuarias das residencias galegas de maiores e de dependencia, as e os 17.000 profesionais que nelas traballan e ao redor das e dos 3.000 sanitarios que traballan na "primeira liña" contra o virus.

Así pois, estímase contar na primeira fase con 80.000 unidades que permitirían vacinar 40.000 persoas (precísanse dúas inxeccións para conseguir inmunidade). 

"Contamos con recibir as primeiras doses despois da aprobación por parte da Axencia Europea do Medicamento", dixo Rueda, lembrando que a primeira das vacinas que chegarán será a de Pfizer BionTech, avaliada con ensaios clínicos realizados en seis países, nos que participaron ao redor de 44.000 persoas, e que conta cunha eficacia estimada para previr a enfermidade de 95%.

Para lavar adiante o plan a Xunta quere contar con 207 profesionais de enfermaría que actuarán como equipo de coordinación.

A adscrición a ese equipo será voluntaria e as e os profesionais procederán do persoal de enfermaría con experiencia en vacinación que, ademais, recibirá formación específica.

Baixo a coordinación deste equipo estarán por unha banda máis de 2.000 efectivos de enfermaría de Atención Primaria que vacinarán da Covid-19 as e os pacientes das súas cotas e, por outra, perto de 40 efectivos dos servizos de enfermaría preventiva e unidades de prevención de riscos laborais, que se encargarán da vacinación do persoal de centros hospitalarios.

A campaña de vacinación pivotará nos centros de saúde, mais segundo informacións da Xunta  haberá máis puntos de vacinación segundo colectivos e no caso das residencias o persoal de enfermaría vacinará as e os usuarios nos propios centros residenciais

Seguro da Covid-19 para turistas

A Xunta deu luz verde ao comezo dos trámites para crear un "seguro coronavirus" para o que destinará 1,2 millóns de euros, co obxectivo de cubrir os gastos que teñan que afrontar turistas aloxados en estabelecementos turísticos da Galiza que resulten contaxiados da Covid-19 durante a súa estancia no noso país. O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, explicou que este servizo estará en marcha durante un ano, desde finais do primeiro trimestre de 2021.

Rueda sinalou que se trata dunha "medida nova que cubrirá todos os custos médicos, cirúrxicos, farmacéuticos e de hospitalización" en caso de infección así como os gastos por ter que gardar corentena por prescrición médica, aínda sen ser positivo. O seguro será gratuíto para os usuarios e poderán activalo unha vez se contaxien. A medida, pola que se custeará con cartos públicos os gastos de turistas e peregrinos, chega rodeada de manifestacións do sector das axencias de viaxes e da hostalaría que lamentan a falla de axudas e de exencións de impostos a pesar do cesamento da actividade.