Feixoo avoga por ampliar o Xacobeo 2021 para que "polo menos unha parte" se celebre en 2022

O presidente da Xunta tamén é partidario de que os viaxeiros se sometan a un test de dobre banda, "que ofrece un diagnóstico en 15 minutos cunha fiabilidade de 60%, que é mellor que 0%".
EuropaPress_3162615_presidente_xunta_alberto_nunez_feijoo_rueda_prensa_posterior_consello (1)
photo_camera Feixoo, durante unha das súas últimas comparecencias (Foto: Nós Diario).

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, avogou por ampliar a duración do Xacobeo 2021 para que "polo menos unha parte" do Ano Santo poida celebrarse en 2022 e así mitigar os efectos da pandemia de coronavirus no turismo. Feixoo lanzou esta proposición durante a súa intervención no encontro dixital De volta á normalidade en Galicia organizado pola Asociación para o Progreso da Dirección e Deloitte, que tivo lugar na mañá deste mércores.

Cuestionado sobre o impacto da pandemia no turismo e a inminente celebración do Ano Santo, o mandatario autonómico respondeu que vería positivo que "festa espiritual" tivese continuación no ano 2022.

O Ano Santo, que se conmemora cada ano no que o 25 de xullo cae a domingo, arranca habitualmente en véspera de ano novo coa apertura da Porta Santa na Catedral compostelá. Feixoo, que lembrou que nunha ocasión, durante a Guerra Civil, "xa se pospuxo" o Ano Santo ao ano seguinte, vería positivo que se alargase a celebración do Xacobeo e chegase a 2022.

Con todo, recoñeceu que a decisión corresponde ás autoridades eclesiásticas e "non depende dunha orde ministerial", á vez que reiterou que sería "bo" celebrar "polo menos unha parte" do Xacobeo no ano 2022.

Turismo e confianza

Todo iso nun contexto no que fixo fincapé na importancia de proxectar "confianza" e "seguridade" para recuperar o sector turístico. "Temos que facer os territorios seguros porque o turista vai viaxar a lugares seguros", sinalou Núñez Feixoo, que cre que a xestión da crise supuxo un "custo reputacional" para España "que non é menor".

Como proposta para ofrecer España e Galiza como un destino seguro, o mandatario propuxo que se desenvolvan protocolos nos aeroportos e leven a cabo probas aos pasaxeiros antes de embarcar nun voo.

Segundo explicou, é partidario de que o viaxeiro se someta a un test de dobre banda, que ofrece un diagnóstico "en 15 minutos" cunha "fiabilidade de 60%, que é mellor que 0%" e que, no caso de que esa persoa dese positivo no test, impídaselle o embarque.

Todo isto, combinado co "pasaporte Covid" -unha aplicación informática para dispositivos móbiles na que figuren os datos do paciente- e os "cribados" das persoas que puidesen estar en contacto cun infectado, de cara a achegar a "tranquilidade" que precisa o sector turístico para afrontar o novo escenario aberto após a irrupción do coronavirus a nivel global.

Comentarios