A Xunta estuda apelar a anulación da repotenciación do parque eólico do Roncudo

Obras de construción do parque eólico Oribio —Samos—, en 2019, nun espazo pertencente á Rede Natura 2000 (Foto: Plataforma Salvemos O Iribio).
A oposición denuncia que o Goberno galego é "reincidente" nas actuacións "irregulares" en materia de proxectos eólicos, e pídenlle á Xunta que cumpra o acordo parlamentario de ampliar a Rede Natura.

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, informou que a Xunta "está a estudar" se apela ante o Tribunal Supremo anulación da repotenciación do parque eólico do Roncudo, no concello de Ponteceso.

Esta repotenciaciación foi anulada en primeiro termo polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, despois de que o Goberno galego reducise de 30 a 15 días o prazo para consultar o informe de impacto ambiental e de presentación de alegacións.

Na Comisión de Ordenamento Territorial, o deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Luís Bará, sinalou que a Xunta é "reincidente", neste tipo de actuacións, con tres sentenzas en dous anos por "irregularidades" nos parques eólicos de Sasdónigas e do Oribio, nos concellos de Mondoñedo e de Samos  e Triacastela, respectivamente.

Pola súa banda, a directora xeral afirmou que as sentenzas dos dous parques "non son firmes" e asegurou que "en ningún caso existiu indefensión dos alegantes", xa que, segundo a Xunta, recibiron 110 alegacións nun prazo de "nove meses".

Ampliación da Rede Natura

Durante o transcurso da comisión, o deputado Partido Socialista (PSOE), Pablo Arangüena, acusou o Goberno galego de non querer ampliar o espazo protexido pola Rede Natura.

O socialista sinalou que a Galiza é a autonomía do Estado con menos superficie en Rede Natura, 12%, "menos da metade" da media estatal de 27%.

Neste sentido, Arangüena denunciou que a Xunta anunciará un incremento até 15% da superficie, sen que isto chegase a levarse a cabo. Tamén se referiu a un acordo parlamentario de maio de 2021 para ampliar a Rede Natura. 

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, respondeu ao deputado afirmando que a Xunta está a "estudar" 22 espazos cunha superficie total de 30.000 hectáreas.