A Xunta acóllese a unha excepción legal para autorizar tres parques eólicos na Mariña

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda. (Foto: Europa Press)
O Goberno galego aprobou esta quinta feira a declaración de excepcionalidade pola que recortará á metade os trámites dos parques eólicos Borrasca, Monzón e Ventisca, promovidos por Greenalia baixo o pretexto de abastecer de electricidade a planta de Alcoa na Mariña.
 

O presidente galego, Alfonso Rueda, anunciou esta quinta feira na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta o acordo tomado polo Goberno galego para facilitar a instalación de tres parques eólicos na Mariña. Trátase dos proxectos Borrasca, Monzón e Ventisca -nos concellos da Pastoriza, Meira, Foz, Pol, Mondoñedo, e Lourenzá-, impulsados pola compañía enerxética Greenalia fóra da zona delimitada polo Plan sectorial eólico da Galiza, baixo o pretexto de que estes parques subministren enerxía á fábrica de Alcoa en San Cibrao, Cervo. 

Rueda explicou que coa declaración de excepcionalidade "reduciranse á metade os trámites e procedementos" que dependen da Xunta da Galiza.
A intención do Executivo galego xa fora anunciada en maio deste ano polo vicepresidente primeiro, Francisco Conde, ao abeiro da Lei de áreas empresariais aprobada no Parlamento o pasado mes de outubro.

A pesar do recorte dos prazos estabelecidos para a tramitación dos parques eólicos, a aprobación final dependerá do Ministerio para a Transición Ecolóxica, xa que os tres proxectos eólicos posúen unha potencia superior aos 50 megavatios.

Metanol verde en Begonte

O Consello da Xunta tamén aprobou esta quinta feira a declaración como "iniciativa prioritaria" dunha fábrica de metanol verde que Iberdrola e Foresa teñen previsto construír en Begonte, na Terra Chá. Segundo os datos expostos polo presidente, o investimento destinado a esta planta será de 500 millóns. Ademais, asegurou que xerará 50 empregos directos e perto de 300 indirectos. O anuncio deste proxecto, bautizado como Green Meiga, chega unha semana despois de que o Goberno galego tamén declarase "prioritaria" outra planta de metanol renovábel, neste caso en Caldas de Reis.

Suba de salarios públicos

A Xunta tamén aprobou esta quinta a suba de 1,5% dos salarios dos empregados públicos da Administración galega, ao abeiro do acordo entre o Goberno de Pedro Sánchez e os sindicatos CCOO e UXT -nunha negociación na que estivo excluída a CIG-. Rueda detallou que este incremento aplicarase con carácter retroactivo, desde o 1 de xaneiro de 2022.

Por outra parte, o Executivo galego acordou desenvolver as carreiras profesionais da Administración Xeral da Galiza, que incluirá os traballadores temporais; e da Administración da Xustiza, para o persoal dependente da Xunta.

Avance de infraestruturas

Rueda volveu criticar que non fose convidado á cimeira hispano-lusa que decorre hoxe en Viana do Castelo e na que participan o presidente portugués, António Costa, e o seu homólogo español, Pedro Sánchez

O titular da Xunta enumerou os asuntos que solicita a Sánchez que se traten na cimeira. Entre eles, destacou o avance nas infraestruturas do tren de alta velocidade que unirá Portugal e a Galiza, e a aprobación dun Estatuto do traballador transfronteirizo con vixencia a ambas as beiras da fronteira.