Adega denuncia as “décadas de maltrato” da minaría no Eume

Imaxes do Eume tomadas no lugar da Hermida no municipio das Pontes en setembro de 2020 (Imaxe: Colectivo Terra).
Carga tamén contra o "desleixo" da administración.

Adega considera que as recentes verteduras ao Eume augas abaixo do encoro da Capela e que acaban de provocar o estado de emerxencia no río “son un episodio máis da triste historia dunha canle maltratada pola minaría e esquecida polas administracións”.

A organización ambientalista considera que as verteduras están “posiblemente relacionadas coas operacións de Endesa de activación das válvulas de fondo do encoro”, e aproveira para lembrar “a precaria situación da bacía do Eume, vítima da incompetencia, a improvisación e o desleixo das administracións”.

Así, e nun comunicado, fai un repaso por diferentes sucesos acontecidos nesta bacía e que provocaron contaminación ou mortaldade de peixes, entre outras consecuencias.

Pon o dedo na chaga sobre a “inadecuada planificación de obra pública” en refrencia ás actuacións desenvolvidas: “A Xunta licitou en 2008) pola vía de urxencia un proxecto de recollida e neutralización das augas acedas, que precisou de dous "by-pass" aos ríos Lavadoiro e Chamoselo, construción de balsas e plantas de tratamento por adición de cal, impermeabilización de noiros e entulleiras, etc. Deitouse tamén carbonato cálcico no encoro do Eume para rebaixar a acidez acumulada”.

“Xa daquela advertiamos que os episodios de contaminación do Eume e as mortandades de peixes non podían estar só causadas polas escorrentías ácidas dos seus afluentes (Lavadoiro e Chamoselo). A acumulación de lamas no ateigado encoro da Capela polo desleixo de Endesa durante décadas tamén tiña moito a ver”.

“Temos pois que un dos principais ríos galegos, que da nome a un emblemático Parque Natural, leva décadas sufrindo o maltrato da minaría contaminante coa complicidade das administracións, e tamén as nefastas consecuencias para a natureza e o erario público das avaliacións ambientais chafalleiras nas infraestruturas”.