O xuízo polo accidente de tren de Angrois comezará o 20 de setembro

Ofrenda floral aos falecidos de Angrois. (Foto: Europa Press)
A Fiscalía solicita para cada un dos dous acusados catro anos de prisión. Ademais, demanda que o maquinista, Francisco Garzón, sexa inhabilitado para a súa profesión durante o tempo da condena.

O xuízo polo accidente do Alvia decorrido o 24 de xullo de 2013 comezará o 20 de setembro deste ano e prolongarase até 2023, nove meses de peritos e declaracións de testemuñas que levarán a sentenza ao ano do décimo aniversario do sinistro en que morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas.

O auto da xuíza, con data do 7 de abril e ao que tivo acceso Europa Press, fai unha proposta de calendario para este xuízo no que sentarán no banco como investigados o maquinista do tren e o que era o director de Seguridade na Circulación de Adif no momento de posta en funcionamento da liña.

Concretamente, entre os días 20, 21 e 22 de setembro está previsto que se substancien as cuestións previas e o interrogatorio aos acusados. A partir do 4 de outubro está fixado que comecen as declaracións das primeiras testemuñas, empezando por integrantes do corpo policial.

O portavoz da Plataforma Vítimas do Alvia, Jesús Domínguez, está citado para marzo de 2023, testemuños que seguirán até o 30 de maio, data na que está previsto que comecen os informes e conclusións finais deste macroxuízo.

A instrución finalizou cos dous acusados, contra os que se dirime se os feitos que se lles imputan fosen constitutivos de 80 delitos de homicidio por imprudencia grave profesional, de 145 de lesións por imprudencia grave profesional e dun delito de danos.

Catro anos de prisión

A Fiscalía solicita para cada un deles catro anos de prisión. Ademais, demanda que o maquinista, Francisco Garzón, sexa inhabilitado para a súa profesión durante o tempo da condena.

Para o outro acusado, o  antigo responsábel de seguridade de  Adif, Andrés Cortabitarte, que saíu da dirección da empresa pública en maio de 2021, require a inhabilitación durante o mesmo período para o exercicio de calquera profesión que implique xestión, seguridade ou responsabilidade en infraestruturas ferroviarias.