O xuízo do Alvia ficará visto para sentenza no décimo aniversario do accidente

Entrada aos xulgados nos que decorre o xuíxo do Alvia na Cidade da Cultura en Compostela (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

A segunda feira día 24 fai unha década da traxedia; tres días despois, os dous acusados terán dereito á última palabra

24 de xullo de 2013, un tren Alvia descarrilou na curva da Grandeira, xunto ao lugar compostelán de Angrois, a pouca distancia da estación de ferrocarril de Santiago.

Cando están a piques de facerse 10 anos desta traxedia, na que morreron 80 persoas e 145 resultaron feridas, o xuízo chega ao seu final, coa vista posta nos dous procesados: o maquinista, Francisco Garzón, e o ex director de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte.

A ambos os dous  impútanselles 80 homicidios e 145 delitos de lesións por imprudencia profesional grave e a maioría das partes piden catro anos de cárcere para cada un deles, ao primeiro pola condución e ao segundo pola análise de riscos da liña entre Ourense e Santiago.

Nas súas intervencións ante a xuíza que se encargará de ditar sentenza, Elena Fernández Currás, Garzón volveu pedir perdón ás vítimas porque "foi un accidente" e non puido "evitalo". A súa defensa alega que foi, de feito, vítima dun delito contra o dereito á seguridade dos traballadores, ao carecer a vía e o tren do sistema de freado automático 'ERTMS'.

Pola súa parte, o ex encargado da Dirección de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, culpou o maquinista pola conversa telefónica que mantiña co interventor momentos antes do descarrilamento e descargou responsabilidade na unión temporal de empresas (UTE), o evaluador independente (Ineco) e tamén no Ministerio de Fomento e Renfe.

Avanzado o xuízo, o fiscal sorprendeu á sala no momento das conclusións ao retirar a súa acusación contra o ex alto cargo do administrador de infraestruturas ferroviarias (Adif). Considera que cumpriu os protocolos da empresa pública e manifestou "dúbidas" sobre a súa responsabilidade nos feitos, polo que o exculpa.

Os avogados das acusacións populares (as que exercen as dúas asociacións de vítimas) e os letrados de afectados a nivel particular, que manteñen a acusación, así como o do maquinista, cualifican este xiro de "inédito". Atribúeno a unha estratexia do Estado para protexerse dunha eventual condena, que salpicaría a alta velocidade española.

Quen exerce a defensa do maquinista, Manuel Prieto, recalca que, durante a proba, "todos os peritos" viron "clarísimo" que "non había análise de riscos" por parte de Adif.

En outubro de 2022, nove anos despois do accidente, deu comezo este xuízo que nas próximas dúas semanas afronta as súas últimas cinco sesións. Cinco días chave antes de que a xuíza dite o visto para sentenza. "Confiamos nela, porque si que entendemos que é verdadeiramente independente", resaltan as vítimas.

O día 19 exporá o seu informe final o avogado do outro maquinista que ía no Alvia, cuxa postura serve para defender a Garzón. O 20 chegará a quenda de Adif e Renfe e o mércores 26 os das aseguradoras. O 27, reservado para as defensas, os dous acusados poderán facer uso do seu dereito á última palabra.