A xuíza comeza a tomar declaración polas verteduras contaminantes da mina de Touro

As verteduras procedentes da mina aos regatos foron obxecto de reiteradas sancións da Xunta

A investigación xudicial polas verteduras contaminantes da mina de Touro avanza coa declaración, en calidade de investigados –a antiga imputación– dos representantes de dúas empresas, ás que a Fiscalía vincula cun posíbel delito contra o medio ambiente.  

A titular do xulgado mixto de Arzúa tomará declaración o vindeiro día 22 en calidade de investigados aos representantes das empresas Explotaciones Gallegas SL, Exga, e Tratamientos Tecnológicos del Noroeste, Ten, polas verteduras contaminantes das balsas da mina de Touro

En concreto, o procedemento xudicial, que apunta a un posíbel delito contra o medio ambiente, investiga, dun lado, o desbordamento das balsas no río Brandelos –un afluente do Ulla–na denominada Corta da Bama e o depósito incontrolado de lodos e residuos e, doutro, as verteduras procedentes da balsa de Angumil á cabeceira dun regato no lugar do Ameneiro.

A investigación penal prodúcese como consecuencia de dúas denuncias presentadas pola Fiscalía de Medio Ambiente, após unha investigación derivada á súa vez dos escritos da asociación ambiental Aldeaviva. 

Nas denuncias remitidas ao xulgado, o fiscal delegado de Medio Ambiente, Álvaro García Ortiz, pon de relevo a "crítica situación do contorno e os cursos fluviais ou regatos adxacentes ou que nacen directamente da mina de Touro". Como fai notar, os procesos de contaminación desde o ano 1999, "como consecuencia da degradación dos espazos mineiros e da súa falta de control", foron xa obxecto de seguimento e de sucesivas investigacións por parte da Fiscalía, que ten abertas máis dilixencias; porén, ningunha puido prosperar, até agora, en atención, nuns casos, ao "principio de causalidade" e noutros "por prescrición ou falta de adaptación dos tipos penais vixentes anteriores á última reforma de 2015".

Verteduras sen autorización

A primeira das denuncias da Fiscalía, refírese á chamada Corta da Bama, cuxos terreos, segundo se explicita no escrito, son propiedade da empresa Exga. Neste caso, alúdese aos desbordamentos e verteduras que foron constatados en 2018 polo Seprona e que, segundo se indica, continuaban en 2019.

O fiscal apunta que esta empresa vén realizando neses terreos aplicacións de tecnoloso desde hai anos, amparándose no convenio pata a recuperación dos ríos Brandelos, Pucheiras e Lañas, todos eles na contorna da mina. Segundo sostén, esta actividade requiría dun informe favorábel da Xunta, unha obriga que "non foi cumprida pola empresa até o primeiro semestre de 2018. "É dicir, que o depósito de tecnosolos realizouse de maneira ilegal", conclúe García Ortiz.

A denuncia fala tamén de "toneladas de verteduras sólidas", que se vinculan á empresa Ten. Nesta cuestión, o Ministerio fiscal remítese á denuncia dun particular que advirte de que se realizaron depósitos de lodos e residuos "de maneira continuada" durante anos, o que causou o  sepultamento de 500 metros dun regato. 

En canto á segunda denuncia, relativa á situación da balsa de Angumil –área que tamén xestiona Exga, segundo o fiscal–, ten que ver coas verteduras de augas procedentes da explotación mineira, "sen que se teña constancia de autorización, malia existir un proxecto de drenaxe temporal" e sen que conste tampouco autorización de Augas da Galiza. Neste caso, García Ortiz subliña que en xaneiro de 2019 a empresa solicitou permiso de bombeo das augas desde Angumil, "co que se recoñece implicitamente a necesidade de tratamento desas augas".