Novas alegacións contra o proxecto mineiro de Touro e O Pino

Faixa contra a mina de Touro (BNG)
A Plataforma veciñal Mina Touro - O Pino NON vén de presentar ante a Xunta escritos de alegacións para poñer de manifesto as deficiencias que, a ollos do colectivo, invalidan o contido do proxecto de explotación, plan de restauración e estudo de impacto ambiental presentados pola empresa Cobre San Rafael, promotora do proxecto de extracción de cobre a ceo aberto.

As alegacións, informa a entidade, fanse con motivo dun novo período de subsanación da documentación que a Administración lle outorga á empresa, que obriga así a abrir un novo período de información pública

“Atopámonos, unha vez máis, ante un episodio de complacencia da Xunta coa empresa, ao concederlle cada vez máis oportunidades para emendar un proxecto que non ten nin pés nin cabeza, e que a mineira non ten intención de mudar en ningún dos seus aspectos máis relevantes, pois toda a nova documentación que achega ao expediente non é máis que unha reiteración do anterior, e aínda por riba sempre fóra de prazo”, advirte a organización. 

Segundo critica a plataforma veciñal, a empresa “en ningún momento propón unha ubicación nin metodoloxía diferente para as balsas e escombreiras, nin sepultar mananciais baixo as mesmas, nin incluír a balsa de Angumil, da antiga explotación, no novo plan de restauración, entre moitas outras eivas que a Cobre San Rafael non lle interesa solventar”. “Iso suporía un menor lucro para o seu negocio”, considera, para advertir de que a sociedade e, en concreto, a veciñanza de Touro e O Pino “será quen sufra as consecuencias devastadoras dun extractivismo depredador da terra e da saúde”.

A Plataforma denuncia que, malia as “continuas multas de Augas de Galicia, que demostran a falta de restauración da explotación abandonada hai máis de 30 ano”s, os episodios de verteduras  “presuntamente contaminantes” seguen a producirse no entorno da antiga mina, e lembra que, precisamente, este é o motivo polo que a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo acordou deixar abertas as tres peticións sobre a mina, para seguir investigando  ante a posíbel vulneración de diversas directivas europeas, como as relativas a augas ou tratamento de residuos mineiros.

 

.