Fiscalía do TSXG traslada ao xulgado dúas denuncias contra a mina de Touro-O Pino

Antiga explotación de cobre de Touro (Imaxe: Adega)

A primeira fai referencia ás reiteradas verteduras da balsa de Bama ao río Brandelos, afluente do Ulla, e ao depósito de materiais contaminantes procedentes desta antiga corta mineira. A segunda tipifica como presuntos delitos contra o medio ambiente as verteduras contaminantes da balsa de Angumil ao dominio público.

A Fiscalía de Medio Ambiente do TSXG traslada ao xulgado dúas denuncias contra a mina de Touro-O Pino. Anúnciao Adega, que informa que nunha recente entrevista co fiscal delegado de Medio Ambiente e Incendios Álvaro García Ortiz, este confirmoulle que as informacións achegadas polos colectivos opostos ao proxecto mineiro de Touro e O Pino, xa deron lugar a dúas denuncias contra a empresa responsábel


“A primeira denuncia presentada pola Fiscalía no xulgado de Arzúa fai referencia ás reiteradas verteduras da balsa de Bama ao río Brandelos, afluente do Ulla, e ao depósito de materiais contaminantes procedentes desta antiga corta mineira. A segunda denuncia tipifica como presuntos delitos contra o medio ambiente as verteduras contaminantes da balsa de Angumil ao dominio público”.

Alén disto, indican desde Adega, o Fiscal delegado de Medio Ambiente informoulles tamén de que ten abertas outras dúas dilixencias de investigación penal relacionadas coa contaminación provocada pola mina de Touro-O Pino: “O ministerio público está a investigar o tratamento das aguas provintes da antiga corta de Arinteiro e a aplicación de tecnosolos nas cabeceiras dos ríos; así como o proxecto de drenaxe temporal da mina para verter as augas dos regatos contaminados balsa da antiga corta de Vieiro”.
 

Responsabilidades penais

Para Adega e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa resulta “evidente” que a contaminación provocada polos labores mineiros en Touro e O Pino deu lugar a “responsabilidades penais que deben ser depuradas pola Xustiza. Estas responsabilidades atinxen non só as empresas que ostentan a titularidade da explotación e operan na zona, senón tamén ás administracións que coñecendo a grave contaminación provocada pola antiga mina fixeron a vista gorda durante anos”.

Dende Adega e PDRA esiximos da Xunta que non demore máis a decisión de desbotar definitivamente o proxecto, obrigando aos titulares da concesión a restaurar por completo os terreos degradados e solucionar a contaminación das augas. O contrario, isto é, autorizar unha nova explotación como solución para os pasivos da anterior, suporía unha perigosa “fuxida cara adiante” que aumentará o territorio e a poboación afectada, e sen dúbida dará lugar a novas responsabilidades penais.