Torné, creador da bandeira de Nunca Máis: "A tipografía e as maiúsculas simbolizan un berro rotundo"

Xosé María Torné (Foto: Nós Diario).
Xosé María Torné é experto en mercadotecnia, imaxe e comunicación e a persoa que está detrás do deseño da bandeira de Nunca Máis, como narra nunha das pezas recollidas en "Nunca Máis. 20 anos da maior resposta social do pobo galego", libro publicado pola Fundación Galiza Sempre. Conversou con 'Nós Diario' para tratar os 20 anos da histórica manifestación en Compostela e o que supuxo o emblema da súa autoría.

Como foi o proceso de deseño da bandeira de Nunca Máis?

Foi todo moi precipitado. A plataforma Nunca Máis constitúese pouco despois da catástrofe do Prestige e antes tivera lugar, o 1 de decembro, a gran manifestación nacional en Santiago de Compostela que acabou por ser histórica.

Para o deseño utilizamos unha tipografía compacta en maiúsculas, que en principio foi feita rapidamente para ir saíndo do paso. Unha vez usamos esa tipografía en cartaces e demais simboloxía, condicionounos todos os deseños futuros porque xa non se podía cambiar.

En códigos visuais, a propia tipografía, que sexa tan compacta, e as maiúsculas simbolizan un berro rotundo.

A manifestación condicionou o deseño da bandeira?

Dalgún modo si. Na manifestación (que sobrepasou todas as expectativas) vin moitas bandeiras galegas cun lazo negro ao lado. Vin tamén plásticos negros enormes que simbolizaban o chapapote. A suma destes factores fixo que nos decantaramos polo deseño que ao final fixemos.

A idea do deseño recolle o sentir xeral do pobo naquela altura, recollía as expresións feitas de forma espontánea pola xente. Creo que foi por iso que o deseño conectou e funcionou tan ben.

O propio lema tamén influíu no éxito da bandeira?

Si, o lema é en galego polo que xa denota unha definición implícita e explícita do espazo territorial onde aconteceu a traxedia. Ademais, esa era outra idea que queriamos transmitir, que Galiza tiña que estar sempre presente, non me valía unha bandeira ou un deseño en que non estivese presente a Galiza.

O deseño popularizouse dunha maneira moi notábel, a que cre que se debe?

Creo que se debe a que pode representar moitas loitas, Desde un principio, decidimos non rexistrar a bandeira para que calquera a puidese utilizar. Así, converteuse nunha bandeira do pobo, nun símbolo, non en algo puntual. 

Tamén era unha idea que tiñamos, multiplicar a bandeira e popularizala o máximo posíbel e creo que o conseguimos.

De feito podemos ver o lema e mesmo a bandeira en concentracións e manifestacións da sanidade ou outras reivindicacións.

Que podemos aprender de todo o que aconteceu co Prestige en 2002?

Vimos naquela altura unha demostración de que o pobo galego non é submiso. Nunca Máis foi todo un exemplo de autoorganización do pobo galego que denunciou o desgoberno, a falta de competencias e o desleixo cara á Galiza.

Rachamos con ese tópico que existía de que os galegos non nos mobilizabamos por nada. Démoslle todo un exemplo ao resto do mundo.