Xosé Manuel Rodríguez, alcalde das Neves: "A aldea modelo é unha resposta ao abandono estrutural de superficies cultivábeis e forestais"

O rexedor do Concello das Neves, Xosé Manuel Rodríguez (Foto: Nós Diario).
Hoxe comeza a Feira do requeixo e o mel das Neves, unha festa que é toda unha institución neste concello do Condado. O alcalde do municipio, Xosé Manuel Rodríguez, atendeu Nós Diario para tratar polo miúdo a feira gastronómica e para tamén conversar sobre as problemáticas e retos de futuro desta localidade. 

Que vai ofrecer a Feira do requeixo e do mel a aquelas persoas que se decidan achegar até as Neves?

Quen veña até As Neves durante a Feira do requeixo e o mel encontrarase cunha boa feira. Tratamos de crear un espazo para que a xente goce, un espazo cómodo, agradábel. Ademais, os produtos que ofrecemos son dunha moi boa calidade o cal esperemos que atraia moita xente. No grupo de Goberno do Concello intentamos facer un exercicio de responsabilidade festiva, queremos ofrecer á xente a posibilidade de gozar da Feira e da socialización. É un motivo para o reencontro, para poder vermos de novo e ter a capacidade de interrelacionarnos despois dun período moi complexo como foron os últimos dous anos en que non puido ter lugar a feira.

Cales son os outros puntos fortes das Neves?

Hai dúas cuestións que marcan o carácter das Neves. Unha é a localización; estamos situados na zona do Condado, somos fronteira con Portugal, aínda que eu prefiro dicir que somos unha ponte con Portugal, xa que temos unha gran conexión e relación co norte portugués. E, por outro lado, está o noso urbanismo; nas Neves temos un espazo urbano moi coidado que nunca foi alterado pola especulación urbanística e que está dedicado única e exclusivamente para o uso e goce da veciñanza e das persoas que nos visitan. Tamén temos moito que ofrecer até climaticamente, moita xente di que As Neves é un lugar no cal dá alegría vivir. Xa do punto de vista turístico, temos os instrumentos necesarios para facer das Neves un concello moi atractivo. Somos un lugar rico en historia, en patrimonio, en gastronomía e demais.

Falouse moito da aldea modelo das Neves. En que consiste?

Nós concibimos a idea da aldea modelo como resposta ao abandono estrutural de superficies cultivábeis e forestais. Levamos traballando moito na creación desta aldea modelo porque ten esa dobre característica: recuperación da terra e creación dun ámbito rural habitábel. Queremos converter un terreo que estaba completamente infrautilizado nun lugar útil. De todos os modos precisamos ser aínda máis incisivos á hora de convencer os titulares das terras de que a aldea modelo é algo bo para todo o mundo. Ademais, as persoas propietarias da terra seguirano sendo, simplemente queremos dedicalas a unha actividade diferente que nós cremos que é mellor. 

Moitos concellos pequenos e rurais non son capaces de garantir o acceso a servizos públicos para a toda a poboación. Cal cre que é a solución?

A solución témola na man. É unha cuestión de vontade política mais tamén de xustiza. As institucións municipais deben ter un correcto financiamento e non se nos poden atribuír competencias que non podemos asumir. Así é como se poderá garantir o acceso aos servizos públicos por parte de toda a poboación, viva onde viva.

Como son as relacións institucionais co Concello das Neves?

Do punto de vista do respecto mutuo entre institucións, a nosa relación pódese cualificar como correcta, mais coa Xunta da Galiza, impóñensenos competencias que non podemos asumir e ademais o financiamento é moi mellorábel. Iso precisa dunha profunda revisión para que poidamos prestar a toda a veciñanza os servizos que merece, independentemente da cor política que a propia veciñanza escollera para encabezar o Goberno municipal. Precisamos ter unha igualdade de trato por parte de todas as institucións para que todo funcione axeitadamente.