Mar Álvarez recolle o accésit do Celia Brañas de xornalismo científico por unha reportaxe en 'Sermos Galiza'

Teresa Abuín e Mar Álvarez (centro) esta última premiada pola súa reportaxe publicada em 'Sermos Galiza' (Foto: Real Academia Galega de Ciencias).
Esta cuarta feira, a Academia entregou os Premios de Xornalismo Científico Celia Brañas, de Divulgación Científica e de Transferencia de Tecnoloxía na Galiza.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) entregou esta cuarta feira os Premios de Xornalismo Científico Celia Brañas 2022, convocados coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta da Galiza.

No acto, que decorreu no pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, entregouse o premio á xornalista Teresa Abuín Tubío, por unha reportaxe  emitida no programa Vivir Aquí da CRTVG.

Aliás, a Academia outorgou o accésit á xornalista Mar Álvarez, colaboradora de Nós Diario, por unha reportaxe publicada no semanario do xornal, Sermos Galiza.

Á entrega de premios acudiron a vicepresidenta da RAGC, Alicia Estévez, a directora da Área de Centros da Axencia Galega de Innovación (Gain), María José Mariño; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o vicerreitor de Política Científica da Universidade de Santiago, Vicente Pérez Muñuzuri; e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama; entre outras autoridades e académicos da RAGC.

'A ameaza de macrogranxas na Limia'

A xornalista Mar Álvarez (Santiago de Compostela, 1999) levou o accésit coa reportaxe publicada en Sermos 'A ameaza das macrogranxas na Limia', un texto xornalístico no que aborda a problemática da gandaría intensiva a nivel galego.

O xurado valorou que “é unha peza xornalística que aborda un tema de actualidade que afecta á Galiza, achegando diversidade de fontes e con certo alarde fotográfico e narrativo”.

Na súa intervención, a xornalista afirmou que “reportaxes coma esta son un exemplo do poder que ten o xornalismo de poñer o foco nunha realidade existente que non sempre semella visíbel. Esa é a gran responsabilidade do xornalismo: axudar a concienciar á xente sobre problemáticas que afectan a toda a poboación”.

Asemade, Álvarez agradeceu Nós Diario por "sempre deixarme total liberdade á hora de abordar o meu traballo desde que comecei no mundo do xornalismo", e "especialmente" ao coordinador de Sermos Galiza, Manuel Xestoso, "por contar comigo para investigar sobre a problemática das macrogranxas".

Teresa Abuín, gañadora

A gañadora da sétima edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas, foi a xornalista Teresa Abuín Tubío (Rianxo, 1970), coa reportaxe 'Costa inundable' emitida no programa Vivir Aquí da CRTVG e centrada na suba do nivel do mar na Galiza.

O xurado destacou deste traballo “a súa boa planificación para abordar desde Galicia un tema global como é o cambio climático e o seu impacto na subida do nivel do mar”. A xornalista recibiu unha dotación de 3.000 euros.

Na súa intervención, Teresa Abuín salientou que “este premio vén recoñecer o traballo de todos os que nos esforzamos por facer o xornalismo no que cremos, que comparte coa ciencia a ollada curiosa, crítica e reflexiva, que tenta afondar nos feitos para tratar de entender un pouco máis a complexidade do mundo”.

E puxo de relevo que nestes anos tivo a oportunidade de descubrir “a dimensión da ciencia que se fai na Galiza”.

Outros premios

Asemade, na gala tamén se entregaron os premios de Transferencia de Tecnoloxía na Galiza e de Divulgación Científica 2022.

O premio de Transferencia de Tecnoloxía, composto de tres categorías, repartiuse da seguinte maneira: O premio “Fernando Calvet Prats” a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía dun grupo de investigación foi para o proxecto “Ligandos fluorescentes como alternativa al uso de la radioactividad en la industria farmacéutica” do grupo de Descubrimento e Síntese de Fármacos do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e da facultade de Farmacia da Universidade de Santiago.

O premio “Ricardo Bescansa Martínez” a un caso de éxito de implantación de tecnoloxía transferida foi para a posta en marcha da spin-off  BFlow S.L. E o premio “Francisco Guitián Ojea” a un traballo de investigación aplicada recaeu no proxecto “PolyDeep: Sistema inteligente de detección y clasificación en tiempo real de lesiones colorrectales mediante Deep Learning”. Foi realizado por investigadores da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo (Campus de Ourense).

En canto ao premio de Divulgación Científica da RAGC 2022, foi para o químico Manuel Luis Casalderrey García (A Coruña, 1941). A Academia recoñece con esta concesión a súa “ampla e frutífera traxectoria persoal no eido da divulgación científica na Galiza".