'Sermos Galiza' analiza a ameaza das macrogranxas na Limia

Entrevistamos Francisco Rodríguez co gallo da publicación da súa última obra. Todas as novidades culturais da Galiza, no semanario de 'Nós Diario' que este sábado atoparás nos quiosques.
Extracto da reportaxe de Mar Álvarez sobre as macrogranxas, no próximo número de 'Sermos Galiza'.
photo_camera Extracto da reportaxe de Mar Álvarez sobre as macrogranxas, no próximo número de 'Sermos Galiza'.

Este sábado atoparás nos quiosques, xunto ao teu exemplar de Nós Diario, unha nova edición do semanario Sermos Galiza —64 páxinas por só tres euros—.

Abrimos este número cunha entrevista de Xosé Ramón Ermida ao crítico literario e historiador Francisco Rodríguez, co gallo da presentación do seu novo libro, Unha etapa estelar e conflitiva do reino da Galiza (a segunda metade do século XIV) - Tomo I: a relevancia do reino medieval galego, editado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG).

"Pretender que unha nación é unha invención do capitalismo é unha barbarie total e de aí vén a confusión nación-Estado. A Galiza tiña todas as potencialidades para ser unha nación con Estado se a súa historia
non fose interferida é unha realidade contundente", apunta Rodríguez.

As macrogranxas, a debate

A raíz da recente polémica xurdida a respecto do sector gandeiro e o inzamento de grandes explotacións intensivas, a xornalista Mar Álvarez analiza nunha reportaxe esta problemática que afecta, especialmente, a comarca da Limia.

"O principal problema co que se enfronta a comarca da Limia é a contaminación das augas superficiais e subterráneas cuxos niveis de nitratos aumentaron exponencialmente nos últimos anos. Un dos casos máis representativos é o encoro das Conchas, coñecido xa como "a sopa verde" debido á concentración de cianobacterias que producen unha toxina moi potente e daniña para a saúde, as cales proveñen dos xurros das
granxas industriais", explica.

A arquitectura de OLA Estudio

Neste novo número de Sermos Galiza tamén hai un oco reservado para a arquitectura. Iago Valverde conversa con Lucía Fernández e Óscar López, de OLA Estudio, nunha reportaxe titulada "Cotián e ecléctico".

"A nosa obra é ecléctica, gústanos navegar en distintas augas. Nunca facemos o mesmo. Claro que temos os nosos
intereses, gústanos a cor, porque nos gusta quitarlle a solemnidade que ás veces se lle dá á arquitectura", afirma López.

Música, arte, cinema e lecer

O apartado musical corre a conta de Olga Brañas, que trae as últimas novidades, e Fernando Montenegro, cun artigo titulado "A canción galega de Maurice Ravel".

No eido literario, Mario Regueira analiza en "As cores dos xoños" a obra Paleta Planeta, da autoría de Yolanda Castaño e Xosé Tomás e publicada por Baía Edicións. "Estamos ante un libro que nos dirixe cara a algo tan básico e tan importante na vida das crianzas como son as cores", afirma Regueira.

E Inma Otero Varela fala de Venecia abandonada, de Eduardo Estévez (Edicións Positivas), na súa reseña "Descubrir os sons do silencio".

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, mentres Ánxo Fole artella un menú para a fin de semana con sabores "alén do mar" e Belén Bermejo fala da fonda pegada do órgano no cinema en "O carnaval das ánimas".

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Como mercar 'Sermos Galiza'

Como tes que facer para poder gozar deste número? Procura Sermos Galiza, xunto co Nós Diario, este sábado nos quiosques ou na nosa tenda en liña. Unha opción máis sinxela para que non perdas nada é facer agora mesmo a túa subscrición!

Comentarios