vídeos no interior

"Xenocidio nunca máis": a Galiza sae á rúa en apoio ao pobo palestino

Milleiros de persoas tomaron as rúas de diferentes vilas e cidades galegas esta segunda feira en solidariedade con Palestina.
Miles de persoas saíron esta segunda feira ás rúas galegas para rexeitar a nova agresión israelí sobre Gaza —que provocou desde o seu inicio e até a última hora da tarde 2.800 mortes—. 16 concentracións noutras tantas cidades e vilas da Galiza para mandar unha mensaxe clara de apoio e solidariedade co pobo palestino.

A Galiza sumouse esta segunda feira de novo á vaga de mobilizacións que están a decorrer no mundo —de Londres e París a Bagdag e Ammán, de Bogotá e Nova York a París ou Cidade do Cabo— para rexeitar a nova agresión israelí contra Palestina. 16 cidades e vilas galegas acolleron concentracións de apoio ao pobo palestino e de denuncia contra "un xenocidio con todas as letras", como recolle o manifesto asinado polas organizacións convocantes: Mar de Lumes, BDS-Galiza, Galiza por Palestina e a Asociación Galaico Árabe Jenin, que integra a comunidade palestina residente na Galiza.

As concentracións, que nalgúns lugares decorreron baixo a choiva, anovan, para Óscar Valadares (Mar de Lumes), "unha longa tradición na Galiza de mobilizarse en apoio de Palestina".  En conversa con Nós Diario, o portavoz da asociación internacionalista sinala que "o máis urxente agora é parar esta matanza". Mais, apunta, a solución política pasa pola fin da ocupación e o colonialismo israelí.

Sami Ashour, palestino de Gaza residente na Galiza e portavoz da Asociación Galaico Árabe Jenín, recoñece que desde que comezou esta nova agresión sobre Gaza —"é o sétimo ataque do Exército de Israel á faixa desde que cheguei á Galiza, hai 16 anos"— vive cun nó na gorxa. "Estamos destrozados, non me despego do móbil. Non podo concentrarme no traballo, non durmo, non como", explica a Nós Diario. Ashour lamenta que para os Gobernos occidentais "os palestinos non somos iguais que os israelís, as nosas vidas non valen o mesmo. Para eles, un israelí vale máis que un, dous, 10 ou cen árabes".

As mobilizacións desta segunda feira, que tomaron o relevo das primeiras concentracións 'de urxencia' convocadas a pasada semana nalgunhas cidades do país, tamén inciden nesa denuncia feita por Sami Ashour: "Este xenocidio conta co apoio dos gobernos occidentais, que non levantaron un dedo contra o bloqueo de 16 anos que padece Gaza", sinálase no manifesto.

"Hai que estar aquí"

Miguel Vila, de Compostela, tiña claro que había que ir ás mobilizacións desta segunda feira, ás que acudía coa súa filla de 14 anos. "De estar hoxe [por onte] nalgún lado é aquí, non é? Onde se non?", di. Non se mostra moi confiado en que as mobilizacións que están a decorrer por todo o mundo contra a agresión israelí poidan frear "o masacre" que se está a facer en Gaza mais, apunta a este medio, "o que está a pasar é moi besta, e hai que saír ás rúas a denuncialo".

Á concentración en Lugo asistiu a estudante universitaria Raquel Martínez. "Non podemos ficar de brazos cruzados", afirma a Nós Diario. "É terríbel, e non é só esta vez. Palestina leva décadas soportando unha ocupación e un auténtico  apartheid", remarca. 

As mobilizacións que se desenvolveron esta segunda feira foron apoiadas por diferentes organizacións políticas e sindicais, asociacións e entidades. "Agradecemos esta solidariedade que demostran os galegos", apunta Sami Ashour, "e emociona ver todas esas mobilizacións que hai polo mundo denunciando o que está a acontecer". Un apoio social que contrapón á "hipocrisía absoluta que hai a nivel institucional e de gobernos, que todo o reducen a algo entre terroristas de Hamas malos e soldados israelís bos", critica.

"Dereito a defenderse... de quen?"

Este gazatí que traballa na Universidade de Compostela tamén mostra o seu esgotamento con que se empregue o argumento "do dereito de Israel a defenderse, cando é o ocupante, e que se lle negue ese dereito a defenderse a Palestina, que é a ocupada". Tel Aviv, denuncia, está a bombardear poboación civil. "Non teñen vergoña, e os gobernos occidentais que calan, tampouco". "Non somos terroristas", reitera, "ou son terroristas os centos de nenos mortos estes días polos bombardeos de Israel? Sono?".

"Non se pode falar de conflito ou de guerra entre iguais", advirte Óscar Valadares. O portavoz de Mar de Lumes apunta a un escenario que non se entende sen "os 75 anos de ocupación" e afirma que se o pobo palestino segue a existir malia estas décadas de "colonialismo" e "apartheid" é pola resistencia.

Valadares tamén considera que se está a producir un "divorcio" entre os gobernos occidentais, "aliñados con Israel e con países aquí, en Europa, onde se prohibe a bandeira ou o pano palestino", e unhas sociedades "onde se están a dar importantes mobilizacións de persoas de ideas distintas mais que están de acordo en rexeitar o que fai Israel cos palestinos". Unha pluralidade que tamén se plasmou nas 12 concentracións desta segunda feira na Galiza e nas que as concentradas, de diferentes idades, procedencias e ideas; estaban de acordo en que "o noso deber é estar contra a ocupación".