A xefa de servizo do Cunqueiro destituída por usar máscaras cirúrxicas: "Coidado, Feixoo, non vaian cesalo por pedir FFP2 obrigatorias"

Eva Maquieira, nunha imaxe de marzo de 2020, cando foi destituída (Imaxe: Facebook).

Eva Maquieira, a xefa de servizo do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo destituída polo entón Xerente da área sanitaria viguesa e hoxe conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, por reivindicar o uso de máscaras cirúrxicas no centro hospitalario en marzo de 2020, lanza unha advertencia a Feixoo: "Coidado, non vaian cesalo por pedir máscaras obrigatorias". É a reacción á intención do presidente da Xunta de declarar obrigatorias as FFP2 en determinados contextos.

O anuncio do presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, de solicitar ao Goberno estatal que obrigue ao uso da máscara FFP2 -as que máis protexen pola súa capacidade de filtración- en determinados contextos, como transportes públicos, segue a crear polémica, xa non só a nivel ensino, onde a comunidade educativa critica que a Consellaría enviase máscaras de tea -as que menos protexen- co logotipo do Xacobeo, senón tamén na sanitaria.

Eva Maquieira, xefa de servizo de Cirurxía Plástica, Reparadora e Estética no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo cesada en marzo de 2020 após reivindicar o uso de máscaras cirúrxicas no centro hospitalario, aproveitou o anuncio de Feixoo a respecto da protección FFP2 para advertirlle de que “teña coidado, non vaian cesalo para exixir máscaras FFP2 obrigatorias”.

“Lémbrese que vostede me cesou por exixir, simplemente, máscaras cirúrxicas no Cunqueiro”, expón a médica no seu perfil de Facebook. A mesma canle que empregou o 21 marzo de 2020 para informar de que fora “criticada e reprendida polos meus mandos superiores por usar máscara cirúrxica desde hai unha semana na miña actividade clínica no hospital, sobre todo en curas e consulta, onde é fisicamente imposíbel manter a tan pregoada distancia dun metro... Eu non sei suturar feridas, reducir fracturas nasais ou curar úlceras... a unha distancia dun metro... non me dan os brazos”.

“Tacháronme de irresponsábel por ir xerando alarmismo na poboación”, lamentaba Maquieira, “xerar alarmismo por levar máscara no hospital nunha situación de emerxencia sanitaria mundial e estado de alarma”.

A destitución de Maquieira á fronte da Xefatura de Servizo de Cirurxía Plástica coincidira no tempo co envío dunha circular das Xerencias das áreas sanitarias aos hospitais na que se indicaba que "non se empregará ningún tipo de máscara en actividades e lugares que non impliquen un contacto directo con pacientes".

O responsábel do cesamento foi o actual conselleiro de Sanidade

A publicación convertérase en viral nas redes sociais e saltara aos medios de comunicación ao situarse no epicentro da polémica, pois a crítica supuxera a destitución da profesional como xefa de servizo. Era xerente da área sanitaria de Vigo cando o seu cesamento Julio García Comesaña, o actual conselleiro de Sanidade.

Fontes da Consellaría informaran os medios de que a destitución tivo lugar ao considerar que "se rompeu a confianza" desta persoa cara á dirección da Área Sanitaria, polo que "non pode exercer de interlocutora" da mesma. Neste sentido, as mesmas fontes insistiron en que esta medida non busca limitar a "liberdade de expresión".

Maquieira puxera o foco entón na “falta de liderado por parte dos mandos directivos da sanidade galega, aqueles que traballan desde despachos mais non con pacientes reais”.

As FFP2, unha reivindicación constante na sanidade pública

Até hai escasos días non todas e todos os profesionais do Sergas podían dispor de máscaras FFP2 para desenvolver o seu traballo. De feito, sindicatos como Satse levan meses reclamando o reparto desta protección entre o colectivo de enfermeiras, grupo profesional á cabeza dos contaxios. Só tiñan á súa disposición máscaras cirúrxicas malia teren os contactos máis estreitos nas plantas non-Covid.

Persoal de Povisa, por medio da CIG, denunciara que realizaban probas PCR a potenciais portadores de coronavirus con máscaras cirúrxicas no canto de con máscaras FFP2 ou FFP3 e que, ademais, rotaban entre distintas áreas e plantas.

Máis recentemente, o pasado 10 de xaneiro, traballadoras e traballadores da UCI do Complexo Hospitalario Universitario de Compostela (CHUS) denunciaban que o Sergas só facilitaba unha máscara por quenda de traballo.