Sergas cesa a xefa de Servizo do Hospital de Vigo que criticou a xestión do coronavirus

[Imaxe: Galipedia] Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

A xefa de sección de Cirurxía Plástica, Estética e Reparadora do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), Eva Maquieira, foi cesada despois de criticar a través das redes sociais as instrucións de hixiene e utilización de recursos ditadas polo Servizo de Medicina Preventiva para evitar a propagación do coronavirus.

En concreto, o cesamento efectuouse este domingo, cando o xerente da área Sanitaria, Julio García, reuniuse en persoa con esta facultativa despois de que, segundo afrmasen a Europa Press fontes do Servizo Galego de Saúde (Sergas), "se negase a acatar" as recomendacións sanitarias para evitar a propagación do virus. 

Ante esta situación, considerouse que "se rompeu a confianza" desta persoa cara á dirección da Área Sanitaria, polo que "non pode exercer de interlocutora" da mesma. Neste sentido, as mesmas fontes insistiron en que esta medida non busca limitar a "liberdade de expresión".

Un post no facebook de Eva Maquieira, responsábel de cirurxía Plástica, Reparadora e Estética no Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo, moi crítico coa xestión da crise do coronavirus por parte dos responsábeis sanitarios, estendeuse nas últimas horas polas redes sociais e situouse no epicentro da polémica, ao afirmar unha familiar súa (tamén a través de FB), que esa crítica é a que leva á “destitución” da profesional. 

Eva Maquieira estaba este sábado de “illamento forzoso” na súa casa, explicaba no FB, mentres agardaba polos resultados dun test de coronavirus. Esta facultativa mostra a súa confianza total na sanidade pública e nas súas profesionais e alaba a disposición e compromiso de todas elas para combater o coronavirus.

"Sentín rabia e impotencia"

Mais, engade, “tamén sentín moita rabia e impotencia, recoñézoo. Sobre todo ante a falta de liderado por parte dos mandos directivos da Sanidade Galega (aqueles que traballan desde despachos mais non con pacientes reais)”.

Afirma que “fun criticada e reprendida polos meus mandos superiores por empregar máscaras cirúrxicas desde hai unha semana na miña actividade diaria no hospital, sobre todo en curas e consulta, onde é fisicamente imposíbel manter a tan pregoada distancia de 1 metro”.

"Tacháronme de irresponsábel"

“Tacháronme de irresponsábel por ir xerando alarmismo na poboación”, escribe, para apontar que hai apenas unhas semanas, se tivesen contacto cunha persoa que daba positivo “suporía por protocolo 14 días de corentena (como cando se deu o primeiro caso en Urxencias hai 2 semanas)”.

“Reconcómeme a importencia ver como os meus compañeiros se afanan por inventar proteccións con bolsas de plástico, con telas, gafas de buceo, separadores de libretas... (...)”.

O post tivo un importante eco entre profesionais sanitarios da área de Vigo, que trasladan a Eva Maquieira o seu apoio e solidariedade.