Windar Renovables busca comprar as instalacións da antiga Alcoa en Avilés para fabricar eólicos off-shore

Instalación de eólica mariña de Iberdrola en Escocia (Foto: Europa Press).

A produción complementaríase coas fábricas que Windar-Navantia explota en Fene (Ferrolterra).

A multinacional Windar Renovables lanzou a súa oferta de compra sobre as instalacións de Alu Ibérica en Avilés (Asturias) para convertelas nunha fábrica de estruturas para a eólica off-shore. Nos 1,2 millóns de metros cadrados que ocupaba a antiga Alcoa, a multinacional avilesina construirá monopiles e torres XXL para aeroxeradores de ata 20 MW de potencia.

Esta operación, se chega a concretarse, permitirá a WindarRenovables, coas fábricas que xa ten operativas en Avilés e coas que o consorcio Windar-Navantia explota en Fene (comarca de Ferrolterra), crearía no noroeste da península Ibérica “o maior hub de fabricación de equipos para a eólica mariña de todo o sur de Europa”. A oferta de compra xa se presentou ante o Administrador Consursal de Alu Ibérica Avilés.

Con este centro produtivo, a compañía podería continuar respondendo á “crecente demanda” que está a experimentar o sector, unha demanda que fundamentan na admisión a trámite  polo Goberno estatal de dez proxectos de eólica mariña nas augas galegas.

Proxectos dos que os colectivos ecoloxistas xa alertaron do seu potencial perigo para ecosistemas mariños, da mesma maneira que o sector pesqueiro ve perigar o seu medio de vida ante a proliferación de polígonos eólicos nas augas nas que traballan.

Segundo informa a compañía, a oferta que Windar Renovables realizou é pola totalidade dos activos mobiliarios e inmobiliarios da antiga Alcoa (o que se denomina no argot técnico como ‘o globo’), dando resposta, deste xeito, a unha das principais esixencias contempladas no plan de liquidación de Alu Ibérica Avilés.

Se a Administración Concursal considera a oferta recibida satisfactoria, a compañía comezaría as obras de adecuación das instalacións este mesmo ano.