As vivendas 'contaminadas' aumentaron en 25% na Galiza

12% das vivendas están nunha contorna con problemas de contaminación; en 2011 eran 9%. (Foto: Europa Press)

11,9% das vivendas galegas atópanse nunha entorna con problemas de contaminación ou outras problemáticas ambientais, porcentaxe superior en case tres puntos ás que estaban nesa situación hai algo máis dunha década (2011). Un incremento de 25% que recolle o Instituto Nacional de Estatística (INE) e que chega en pleno debate sobre a mudanza de normas de habitabilidade para facer de baixos comerciais baleiros vivendas.

A Enquisa de Características Esenciais da Poboación e dos Fogares publicada polo INE a finais da pasada semana e con datos de 2021 rexistra que 11,9% dos fogares galegos ten problemas de contaminación na súa entorna —industrial, do ar, de augas residuais ou doutras procedencias— ou malos cheiros e 5,6% das vivendas presenta escaseza de luz natural. En 2011, as porcentaxes eran de 9% e 4,2%, respectivamente, polo que houbo un empeoramento nas condicións de ambos os dous parámetros durante esta década. 

Os datos coñécense poucos días despois de que a Xunta da Galiza anunciara que vai mudar os requisitos de habitabilidade para permitir que, nas cidades, os baixos comerciais poidan habilitarse como vivendas. Unha proposta sobre a que pairan dúbidas e interrogantes, como a que indica o arquitecto urbanista Iago Lestegás en conversa con Nós Diario. "Non é necesaria nin vai á raíz dos problemas", apunta. 

Así, sinala que nun país como a Galiza, "de miles de vivendas baleiras e centros históricos despoboados, mudar o uso de locais comerciais para ampliar a oferta residencial" non supón avanzar na solución da vivenda, ao tempo que tampouco se centra nas "causas da proliferación de baixos fechados nos nosos barrios". 

Nesta liña hai máis voces, como a do aparellador Carlos Ermida, que incide na necesidade de que "a intervención pública" vaia no camiño de  políticas e financiamento para a "rehabilitación, reforma e aproveitamento de vivendas", así como polo compromiso "cun verdadeiro parque de vivenda pública".

Ermida recoñece que a conversión de baixos en vivendas "está en boga" en certas cidades europeas e do Estado español, mais recoñece preocuparlle máis "que normas de habitabilidade vai modificar a Xunta".

Lestegás, pola súa parte, engade outra derivada: permitir que eses baixos comerciais pasen a vivendas supón, "en certa medida", unha "renuncia" a que esas zonas volvan ter actividade comercial, reforzando así a dinámica de "desaparición do comercio local" das cidades para pasar esa demanda a ser "absorbida" por centros comerciais e outras grandes superficies. O "pequeno comercio é fundamental para a vitalidade urbana e o problema dos baixos fechados non se debe resolver renunciando ao uso comercial deses inmóbeis".

Mapa da titularidade

A Enquisa de Características Esenciais dos Fogares indica que na Galiza o 12,4% das vivendas principais atópase en réxime de aluguer, o 18% en réxime de propiedade por compra con hipoteca, o 33% en réxime de propiedade por compra xa pagada e o 36% aparece baixo o epígrafe "outros". Noutro aspecto, recolle que os fogares galegos con dous ou máis automóbiles (37%) duplican os que non teñen ningún (17,5%).