Vitrasa copia Audasa e reclama 15 millóns de euros polas perdas derivadas da pandemia

Varios autobuses da compañía estacionados durante unha folga. (Foto: CIG)
A empresa concesionaria dos autobuses urbanos en vigo considera que o Concello debe indeminizala pola baixada de ingresos que aconteceu durante o estado de alarma. Dáse a circunstancia de que dá este paso após conseguir unha ampliación do contrato durante a crise da Covid-19.

A empresa concesionaria do servizo de autobús urbano de Vigo, Vitrasa, está a seguir unha estratexia similar á da compañía xestora da autoestrada AP-9, Audasa, pois ao igual que esta última exixe unha indemnización polas perdas económicas derivadas da pandemia e, máis en concreto, do estado de alarma que paralizou a maior parte da mobilidade cidadá.

Vitrasa reclama ao Concello vigués máis de 15 millóns de euros, que é o que estima como perda polas restricións ligadas á Covid-19.

A firma deu este paso despois de que o Executivo municipal aprobase durante a crise sanitaria -en xuño do ano pasado- ampliarlle a concesión do transporte público outros cinco anos.

Mentres que a demanda de Audasa parece ir cara adiante, a Xunta de Goberno Local de Vigo aprobou esta sexta feira desestimar os recursos de reposición interpostos pola empresa contra as decisións do Concello de non aceptar a totalidade dos pagos que reclama.

Vitrasa enviou ao equipo de goberno diversas solicitudes ao longo de 2020 para reclamar compensacións que "restabelecesen o equilibrio económico da concesión". En total, reclamou máis de 11 millóns de euros correspondentes ás perdas entre marzo e decembro de 2020.

Xa recibiu 5,7 millóns

De feito, o Concello atendeu parte da reclamación achegando a Vitrasa 2,2 millóns de euros, dado que opinou que "só" tiña que compensar á compañía polo equivalente á vixencia do primeiro estado de alarma. Xa a mediados do ano en curso abonou outros 3,5 millóns polo mesmo concepto.

En todo caso, para a firma é necesaria unha contía maior, como vén exixindo todo o ano, porque supostamente rexistrou perdas mes a mes. En total, todo o que pide supera os 15 millóns de euros.

Dáse a circunstancia de que, en xuño de 2020, en plena pandemia, a Xunta de Goberno Local acordou prorrogar a concesión por outros cinco anos, e iso a pesar dos anuncios de que se faría unha nova licitación e un novo concurso para adxudicar este servizo. Por aquel entón, o alcalde, Abel Caballero, xustificou esta ampliación alegando que a crise do coronavirus facía imposíbeis os cálculos económicos do prego para a saída a concurso.

No contexto actual, o seguinte paso que lle queda á concesionaria é acudir á vía xudicial.