domingo 24/10/21

Audasa pide ser compensada pola caída de tráfico na AP-9

A concesionaria da AP-9 pide ao Estado español unha compensación pola caída de tráfico na autoestrada e deixa a porta aberta a solicitar unha prórroga da concesión.
Autoestrada AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande (Foto: Punto GA / M. Riopa).
Autoestrada AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande (Foto: Punto GA / M. Riopa).

Audasa, a concesionaria da AP-9 vén de solicitar ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana axudas para o restabelecemento do equilibrio financeiro nas súas contas, golpeadas polas restricións á mobilidade derivadas da pandemia.

Nun informe adicional de auditoría remitido á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), a concesionaria asegura que presentou o pasado 30 de outubro esta solicitude, mais que o Ministerio aínda non a resolveu.

Audasa, que nun primeiro momento aseguraba que non ía pedir compensacións pola caída de tráfico, xustifica agora esta petición na aparición de circunstancias "imprevisíbeis e extraordinarias" derivadas da pandemia da Covid-19 que "imposibilitaron a execución do contrato de concesión nos termos previstos".

Segundo argumenta, pese as restricións á mobilidade, a sociedade tivo que seguir mantendo a súa actividade ao tratarse dunha infraestrutura que considera "crítica para o transporte".

A filial de Itínere lembra tamén que a finalización do contrato de concesión segue a ser 2048, aínda que deixa aberta a posibilidade a que este prazo de tempo se amplíe excepcionalmente como consecuencia da solicitude realizada ao Executivo. Deste xeito seguiría a encher os petos por máis anos a costa da cidadanía galega e de lastrar a competitividade económica e empresarial do país.

Os cálculos da compañía falan dun descenso do tráfico de 27,7% en 2020 e un horizonte temporal para recuperar o nivel previo da pandemia de tres anos (polo menos até 2023).

Sen cartos para as peaxes

Mentres centos de galegos e galegas agardan a que o Goberno español cumpra co compromiso de investidura adquirido co BNG para abaratar as peaxes, Audasa nin tan sequera ten provisionada unha cantidade para dar cumprimento á sentenza que a obriga a devolver ás persoas usuarias o importe das peaxes polos atascos producidos no tempo que duraron as obras na autoestrada entre os anos 2015 e 2018. 

Audasa recorreu dita sentenza e o Ministerio de Transportes, pola súa banda, admitira o dereito da sociedade a repercutir ao Estado español o monto dun eventual fallo desfavorábel para os seus intereses.

comentarios