Vítimas do Alvia piden "xustiza" mentres o PP di que están sendo "escoitados"

[Imaxe @onicolasalonso]

As plataformas de familiares e vítimas do sinistro de Angrois concentráronse perante os Xulgados de Compostela para denunciar o "feche en falso" da investigación. 

 

"Xustiza" e "responsabilidades". Esas son as exixencias das familias e vítimas do accidente de comboio do 24 de xullo de 2013 acontecido na curva de Angrois no que faleceron 81 persoas e máis de 140 resultaron feridas. 

Estas foron as súas demandas desde que se iniciou a investigación do caso e mantéñense após anunciar o xuíz o fechamento da fase de instrución mantendo como único imputado o maquinista

"A xustiza descarrila", "negan comisión de investigación", "verdade, xustiza, non máis mentiras" ou "vítimas traicionadas" foron algúns dos lemas que se podían ler nos cartaces que portaban esta sexta feira na concentración perante os Xulgados de Compostela. Aliás, os rostros de Ana Pastor, Mariano Rajoy ou Rafael Alcalá acompañaban as demandas de "responsabilidade" política polo acontecido e que fan extensíbel a Adif e Renfe. 

"Feijóo, este é o sentir popular", berraron ás portas dos xulgados

A posición das vítimas e familiares do Alvia, confrontan coas declaracións do presidente da Xunta de Galiza e do Partido Popular que defenden como "sentir maioritario" o apoio á decisión adoptada xudicialmente pola que non se sentará no banquiño a ningunha persoa con responsabilidade política na construción e posta en funcionamento da liña de Alta Velocidade que conecta Ourense e Ferrol, na que se producíu o sinistro. 

"Feijóo, este é o sentir popular", berraron @s manifestantes que xa advertiron que estudan presentar un recurso contra o auto. E é que, para as plataformas de afectad@s, non se estarían a ter en conta todos os elementos que terían provocado o accidente, algún deles, defenden, descubertos a partir do documentario Frankenstein 04155. Entre elas que o comboio "ía cargado de peso", asegurou o presidente da Plataforma Víctimas Alvia 04155. 

Porén, desde o Partido Popular aseguran que "as vítimas foron e están a ser escoitadas" e defendeu a posición da súa formación que, dixo, continúa a crer que o auto reflicte "o sentir maioritario" da poboación.