II ANIVERSARIO DO MAIOR SINISTRO DE GALIZA

Vítimas de Angrois volven pedir a comisión de investigación que bloquean PP e PSOE

ALVIA VITIMAS

Con motivo do segundo aniversario do accidente do Alvia, a Plataforma Vítimas do Alvia, que agrupa vítimas e familiares afectados polo grave accidente que tivo lugar o 24 de xullo de 2013 en Santiago de Compostela, volve solicitar a apertura dunha comisión de investigación.

Verdade e xustiza”. Isto é o que, máis unha vez, demandan as vítimas e familiares das vítimas do accidente ferroviario de Angrois, do que se cumpren dous anos o vindeiro 24 de xullo. A Plataforma Vítimas do Alvia convoca unha reunión na praza do Obradoiro para o 24 de xullo ás 11h co fin de amosar “a nosa disconformidade e indignación polo trato que estamos as sufrir as vítimas e a negativa a crear unha comisión de investigación parlamentaria para que se depuren responsabilidades políticas”. 

Ao longo destes dous anos, PP e PSOE bloquearon en reiteradas ocasións as iniciativas presentadas, sinaladamente polo BNG, tanto no Parlamento como no Congreso para crear unha comisión que investigue o maior sinistro da historia de Galiza e que depure as responsabilidades políticas que houber.

Pola tarde, despois dun acto relixioso, a plataforma organiza unha marcha desde a Colexiata do Sar até a curva da Grandeira, onde descarrilou o Alvia. Alí terá lugar unha ofrenda floral en memoria das persoas falecidas. 

Para o día 23 vítimas e familiares convocan unha asamblea xeral no Pazo de Faramello para repasaren todas as acción políticas e xudiciais que se adoptaron nestes dous anos.