As vítimas da Covid-19 xa son 651 na Galiza após a morte doutra usuaria dunha residencia

Estrada de acceso ao complexo residencial de Culleredo (Foto: Google)
O último falecemento por coronavirus no país até o momento é o dunha muller que vivía no centro residencial de Orpea, no municipio de Culleredo. Desde que se instaurou a nova normalidade rexistráronse 32 decesos.

As mortes de persoas polo contaxio do coronavirus na Galiza elévase xa a 651, posto que nos datos feitos públicos hoxe anunciouse o falecemento doutra usuaria dun centro residencial. Neste caso a vítima vivía na infraestrutura Orpea, de Culleredo, ubicada no barrio da Zapateira e que tivo un gromo nos últimos días.

De feito, non é o primeiro pasamento que se dá nunha usuaria desta residencia. Á marxe deste caso, entre esta cuarta feira e hoxe rexistráronse sete mortos debido á Covid-19. Todos eles de xente con idades elevadas. Porén, a Xunta non aclarou se a última vítima tiña patoloxías previas.

Desde que se comunicou a situación de nova normalidades contabilizáronse un total de 32 decesos, o primeiro deles, o dunha muller o pasado 7 de agosto en Ourense.

Antes diso, Galiza levaba case dous meses sen ter que lamentar falecementos por esta enfermidade.

Nesta situación tan complicada, e despois de acusar ao Executivo galego de "estigmatizar" o barrio da Milagrosa, en Lugo, (con medidas de contención especiais), o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, demandou ás consellarías de Sanidade e Política Social que fagan as probas PCR nas catro residencias que dependen da institución.

A demanda de Lugo

Tomé sostén que esta atención debe dárselle "tanto ás e aos residentes como ao persoal, ahora, de forma inmediata e logo, periódicamente". Sería unha estratexia de precaución porque, segundo afirmou, non houbo ningún positivo nestes centros.

"Analízanse as medidas que imos tomando sempre tentando anticiparnos, como co feche das visitas para evitar calquera tipo de contaxio", comentou, ao tempo que destacou que os protocolos para as e os traballadores están moi claros.