Antón Acevedo: "O virus non desapareceu polo feito de que se estean a levantar as medidas"

A probabilidade dun contaxio é maior en espazos fechados, nos que as profesionais da saúde chaman a extremar a cautela (Imaxe: Europa Press).
Os especialistas en Medicina Preventiva do Sergas Antón Acevedo e José Uribe lembran, en conversa con Nós Diario, a necesidade de respectar as distancias físicas de seguridade e extremar as precaucións agora que se flexibilizan as medidas de desconfinamento. O virus segue presente e continúanse a detectar novos contaxios, polo que os encontros en terrazas ou fogares deben acompañarse de precaución. 

No primeiro día da fase 1 o comercio local subiu as persianas e algúns bares volveron sacar as cadeiras á rúa. Galegas e galegos achegáronse ás terrazas ou pasaron polas tendas dos seus barrios. Un paso máis na recuperación da cotiandade anterior á pandemia da COVID-19 mais no que, como lembran as profesionais da sanidade pública, cumprir coas recomendacións de seguridade é fundamental.

"Temos que seguir as pautas coa máxima precaución, pois seguimos detectando casos a nivel comunitario, o virus non desapareceu co feito de que se estean a levantar as medidas de confinamento", lembra Antón Acevedo, especialista en Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. 

Gardar as apertas

Ditas pautas son similares ás aconselladas durante o período de corentena, mais cunha precaución extra agora que se permiten as reunións en grupo ou as ansiadas visitas á familia: gardar as apertas e os bicos, mantendo as distancias físicas, e unha frecuente hixiene de mans. Nos fogares nos que conviven persoas de risco, Acevedo recomenda reforzar a limpeza de superficies, a ventilación dos cuartos e mais a hixiene das mans.

A enfermidade transmítese polas gotas expulsadas ao falar, tusir ou cantar, por exemplo, explica José Uribe

Por que as distancias? "O virus atópase cómodo na farinxe, na parte posterior da boca, e a enfermidade transmítese polas gotas expulsadas ao falar, tusir ou cantar, por exemplo", explica José Uribe, especialista de Medicina Preventiva da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras. De aí a súa importancia, máis tendo en conta que as persoas que non presentan síntomas da COVID-19 si poden contaxiala. "Quen ten febre e outros síntomas xa queda na casa", engade Uribe.

O risco cero, salienta este profesional da saúde, é inalcanzábel. A apertura do desconfinamento carrexa un aumento das posibilidades de contraer a enfermidade. "Relaxar as medidas ou calquera despiste poden incrementalas", salienta Antón Acevedo.

"Cómpre manter os espazos entre as mesas das terrazas e tamén entre quen senta nunha mesma mesa", engade o especialista da área sanitaria da Coruña e Cee. As máscaras, apunta, son máis efectivas nos espazos fechados, coma os pequenos comercios, ou no transporte público "onde xa son obrigatorias".

"Cando saes pasear levala non está de máis, aínda que a inseguridade chega se mantés algún tipo de contacto con quen non convives", apunta Acevedo. Para José Uribe, o problema desta protección estriba na incomodidade que provocan e pola que moitas usuarias retíranas do rostro ou colócana de maneira inadecuado.

O risco da exposición aumenta segundo o tempo que nos expoñemos, di Uribe

"Está claro que para tomar o café é inevitábel retiralas, mais tamén é certo que o risco da exposición aumenta segundo o tempo que nos expoñemos: se a retiro unha vez para beber da cunca non é o mesmo que se falo durante unha hora coas amizades sen levala posta", engade Uribe.

Un posíbel repunte

Acevedo explica que no CHUAC non se ten detectado unha maior incidencia da doenza tras as saídas á rúa. "Seguimos nunha tendencia á baixa, na que é fundamental realizar un seguimento epidemiolóxico axeitado", apunta, facendo fincapé no rastrexo dos contactos de persoas contaxiadas.

Seguimos nunha tendencia á baixa, na que é fundamental realizar un seguimento epidemiolóxico axeitado, di Acevedo

"É complexo de determinar, pois o período de incubación é de dúas semanas", engade Uribe. A circulación do virus baixou, matiza, equiparando os datos de contaxios ou ingresos do escenario actual ao do comezo da pandemia, pero con máis coñecementos e a prevención no foco.

Neste panorama, a posibilidade teórica dun repunte está presente. "Acabamos de velo en Corea do Sur ou en China", recorda Acevedo, incidindo na necesidade da "responsabilidade individual" á hora de cumprir os protocolos nestes días. "O virus segue aí", salienta.