As principais normas da Fase 1 que comeza este 11 de maio na Galiza

Cans, e paseantes sobre a area de Riazor, na Coruña, un 2 de maio, primeiro día no que se permitiron paseos (Imaxe: Arxina).

As normas de mobilidade varían para Galiza desde esta segunda feira 11 de marzo. A mobilidade queda restrinxida á provincia salvo excepcións.

Galiza entrará esta vindeira segunda feira 11 de maio na Fase 1 e a poboación recuperará parte da súa mobilidade e algúns comercios a súa actividade con restricións.

Dentro da provincia salvo excepcións

O Goberno español, iso si, mantén a prohibición de moverse máis alá da provincia de residencia coa excepción de desprazamentos que xustifiquen esa mobilidade e que poden ser sanitarios, laborais, profesionais ou empresariais.

Pódese mudar de provincia para volver ao lugar de residencia familiar, asistencia e coidado de persoas maiores, dependentes ou persoas con discapacidade. Tamén por causa de forza maior ou situación de necesidade ou calquera outra de análoga natureza.

Desta maneira rexéitase que sexa a área sanitaria a referencia de mobilidade, tal e como propuña a Xunta da Galiza. Iso si, queda aberta a posibilidade a avaliar máis adiante mudanzas neste sentido.

Horarios

As franxas horarias deste Fase 1 continúan igual que na actual para pasear e facer deporte. Comezan coas de 6 a 10 e de 20 a 23 horas para persoas de idades entre 14 a 69 anos; de 12 a 19 horas para as nenas e nenos menores de 14 (neste caso poderán ir en grupos de até tres acompañadas dunha persoa adulta); e de 10 a 12 e de 19 a 20 horas para as persoas maiores de 69.

Non haberá restricións horarias para ir mercar en alimentación e comercios mais non se poderá realizar estas accións ao tempo que as deportivas.

Os núcleos de menos de 5.000 habitantes terán liberdade horaria.

Visitas e reunións

A partir deste 11 de maio quedarán permitidas as visitas a domicilios de familiares cos que non se conviva sempre e cando non teñan ningunha patoloxía previa. Caso contrario deberían agardar ás seguintes fases.

Tamén estarás permitidas as reunións de até dez persoas en persoas ou espazos públicos como terrazas, sempre respectando as medidas de seguridade e hixiene.

Nos traslados se se emprega o vehículo particular estará permitido que se ocupen todas as prazas sempre e cando as persoas que o utilicen convivan no mesmo domicilio. Caso contrario sería dous por liña e dotados dunha máscara.

Locais e actos

Os lugares de culto abrirán cunha restrición de aforo que non pode superar o seu terzo e respecten a distancia social.

No caso de velorios e enterros o límite dos primeiros será de 15 persoas en espazos abertos e 10 nos fechados. A comitiva estará restrinxida a 15 persoas.

En relación aos locais comerciais, poderán abrir aqueles que teñan menos de 400 metros e o seu aforo quedará reducido a 30% e poderá acudirse sen cita previa mais cun horario prioritario para persoas maiores de 65 anos. Nos comercios de consumo terán prioridade os envases monoconsumo e poderán recollerse pedidos sempre e cando non se acumule xente nas portas dos locais.

Lecer

Os hoteis poderán abrir mais non se poderán empregar as zonas comúns. Poderase realizar turismo de natureza dentro da mesma provincia.

Poderá abrir os museos cun terzo do seu aforo e os actos culturais non poderán exceder de 200 persoas en espazos abertos e 30 se é en lugares fechados. Os centros de deporte e ximnasios terán posibilidade de realizar actividades individuais que non impliquen contacto físico.