Así foi o primeiro día da fase 1: "Empézase a notar o cambio, hai máis ambiente pola rúa"

Rúa Barcelona, no barrio da Agra do Orzán, A Coruña (Imaxe: Olaia Tubío)
As campás tocaron a misa e a freguesía, por primeira vez en semanas, acudiu. Os comercios locais abriron as reixas mentres que a hostalaría permaneceu, na súa maior parte, fechada. Porén, nas prazas de urbes ou vilas volvéronse escoitar as conversas de familias e amizades sentadas en bancos ou terrazas.

Nunha panadaría do ensanche compostelán, unha das encargadas rifa con retranca a dous clientes mentres lles sirve un café con leite: "Agora que abriron os bares xa non o viredes tomar aquí!". "A verdade é que xa se empeza a notar o cambio, non si? Hai máis ambiente pola rúa", prosegue mentres despacha barras e bolos de pan. No exterior, cinco persoas agardan despregadas en abano a súa quenda. 

Á tenda chega o eco das conversas que manteñen amizades e familiares nas terrazas  e bancos da praza Roxa, o paso de viandantes cargados con bolsas ou o ruído dun tráfico máis frecuente que o das primeiras semanas do confinamento. As campás das igrexas chaman a misa e, por primeira vez desde a corentena, esta celébrase con parte da freguesía. Mentres, as reixas semibaixadas de moitos locais,  as máscaras ou os carteis que informan do capacidade reducida dos estabelecementos abertos lembran as pautas da fase 1.

A volta do comercio

Perto da panadaría Roberto Sanmiguel atende tras o mostrador de Alita Comics, unha libraría especializada en banda deseñada. Se ben a Federación Galega de Comercio cifra en case 100% os locais que retomaron a súa actividade, na rúa na que se atopa o local de Alita moitos permanecen fechados. "Xa veu algún cliente, aínda que non moitos", conta Roberto.

Un cambio respecto a pasada semana, durante a fase 0, cando o local abriu con cita previa. Roberto tamén agradece que a clientela que se achega cumpra coas medidas de seguridade. "Penso que a xente está concienciada", asegura.

No casco histórico da cidade, Maite Villar recoloca os produtos da súa zapataría. Conta que a súa caseira lle facilitou estes meses máis duros e que está explorando, coma outras profesionais da zona, incorporarse á venda en liña.

A normativa do comercio  restrinxe as aperturas aos estabelecementos de menos de 400 metros cadrados, mais hai excepcións: os concesionarios e as estacións para a Inspección Técnica de Vehículos. O Grupo Caeiro abriu a porta dos seus sete instalacións. "Traballamos con cita previa, no taller non hai problema, mais en vendas si pode achegarse alguén sen máscara e temos que facilitarlla", explica a súa conselleira delegada, María Caeiro.

Os vehículos que entran nos talleres e puntos de venda son desinfectados, un proceso que se repite antes da súa entrega. "A patronal dos concesionarios elaborou un protocolo e os fabricantes achegaron os seus propios", apunta Pablo Conde, director comercial do Grupo Breogán.

Póñame outra

A hostalaría, en cambio, resístese a reabrir coa preocupación de que os gastos superen os ingresos gañados en terrazas á metade da súa capacidade. César Ballesteros, presidente da Federación de Empresarios de Hostalaría de Pontevedra, calcula que só 5% subiu a reixa.

Na Coruña, o presidente do sector, Héctor Cañete estima que a partir do 25 de maio, en caso de que Galiza á fase 2, o panorama nas rúas mude. Agora, asegura, "estase abrindo por extrema necesidade". "Os restaurantes non abren", abunda, engadindo que tampouco o farán os aloxamentos turísticos. "A mobilidade interprovincial non está permitida  e hai medo na poboación", di.

Con todo, o primeiro día da Fase 1 moitas das terrazas que abriron enchéronse case de contado. Na rúa Barcelona, no barrio coruñés da Agra do Orzán, as veciñas baixaron tomar o primeiro café ao bar. Na rúa Real de Ferrol, as sete mesas do Lusitania estaban ocupadas e nos Cantóns  a clientela aproveitaba os raios do sol á hora do vermú. 

Iago e Pilar atoparon cadeira na cafetaría Tertulia en Compostela. Coas cuncas na man, admiten que tiñan ganas de "volver un pouco á normalidade". "Pensaba que no primeiro día a xente botaríase á rúa, mais polo momento todas as persoas coas que me crucei son moi respectuosas, apartándose ao paso", asegura Pilar. 

Letras para levar

Se ben a fase 1 inclúe a apertura de bibliotecas, teatros ou museos, a rede galega tardará uns días en reabrir as portas. Desde a Consellaría de Cultura explican que o persoal das bibliotecas está a estudar as medidas de seguridade decretadas polo Goberno estatal e a súa aplicación nos centros. Os libros devoltos, por exemplo, deberán permanecer en corentena preventiva durante dúas semanas.

Os arquivos históricos de Ourense, Pontevedra ou Lugo o arquivo da Cidade da Cultura ou o Arquivo do Reino da Galiza xa retomaron parcialmente a actividade a pasada semana, con preferencia pola consulta en liña. Porén, até a vindeira semana non se informará do reinicio da actividade en museos ou bibliotecas.

Nesta fase non se permitirá o estudo nas salas, nin tampouco a lectura de xornais, dúas das actividades máis habituais nas bibliotecas. Os libros poderanse solicitar e levar á casa. Desde a Consellaría, lembran que sigue dispoñíbel a plataforma dixital Galiciale, que durante o confinamento "quintuplicou" o número de préstamos.

Tamén as universidades traballan na aplicación das normas de seguridade de cara á reapertura de bibliotecas ou espazos deportivos. Nos campus de Compostela e Lugo da Universidade de Santiago, por exemplo, estarán dispoñíbeis as pistas para xogar ao tenis ou as de atletismo

As fases por vir

En Compostela, ao medio día, dous pequenos atópanse da man das súas respectivas familias. Detrás das súas máscaras de cores bérranlle á rúa as ganas que tiñan de verse e, a piques de ficar á mesma altura, a dun paso de peóns, manteñen a distancia e un di cun sorriso: "As apertas xa para outro día".

O seu é o comportamento que demandan, coa progresiva volta ás rúas, as profesionais da sanidade: distancia, lavado de mans e prudencia para coidarnos e coidar as demais.