Profesionais da Atención Primaria propoñen contactar preventivamente a pacientes de risco

Centro de Saúde Rosalía de Castro de Vigo (Imaxe: HombredHojalata CC BY-SA 3.0)
A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria insta o Sergas a aplicar protocolos claros nos servizos de Atención Primaria e propón que as profesionais contacten con persoas maiores, con patoloxías crónicas ou en situación de risco social.

"Na situación epidemiolóxica na que nos atopamos na loita contra o COVID-19, os e as profesionais da Atención Primaria son un dos colectivos sanitarios que se atopa na primeira liña de fogo e preséntanse clave para conter a epidemia". Así comeza un comunicado da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, Agamfec, no que insta o Sergas a adoptar protocolos claros e xerais para estas profesionais sanitarias.

Aseguran que os protocolos e medidas que se están a aplicar no eido da Atención Primaria non son uniformes en todas as áreas sanitarias. "A responsabilidade destes profesionais para frear o avance do coornavirus é alta", reclaman, puntualizando que son "o primeiro contacto dos enfermos como este sistema". Así, demandan recursos para "frear a curva de novos contaxios".

“Neste momento epidemiolóxico, as e os profesionais de Atención Primaria están sometidos a unha situación cambiante nas consultas e é importante resolver, na medida do posíbel, as demandas asistencias de maneira telefónica”, valoran. Por iso, o colectivo propón un protocolo "proactivo" de atención telemática.

Adiantarse ás consultas

Nun contexto de illamento da poboación, composta en boa medida por persoas maiores, cidadás con patoloxías crónicas ou enfermidades inmunodepresoras, esta asociación propón unha nova modalidade asistencia telefónica. O seu obxectivo é o de adiantarse as consultas, elaborando un listado de pacientes das que se seleccionarán as de risco por idade, estado de saúde, mais tamén pola súa situación social (persoas adictas, por exemplo, ou que convivan co seu maltratador).

Agamfec tamén propón que a cada unha desas pacientes se lle asigne o persoal que a debe atender: a médica de familia, a enfermeira, a matrona ou a traballadora social. Nesta demanda poderían participar voluntariamente e desde os seus domicilios as profesionais da Atención Primaria que se illasen por un posíbel contaxio.

No protocolo, a asociación tamén propón preguntas e recomendacións tipo para os contactos por teléfono: recomendacións á hora de ocupar o tempo, para realizar a limpeza do fogar, hábitos á hora de saír á rúa ou preocuparse polo estado anímico das pacientes. Ao final de cada semana, procederíase a realizar unha valoración cualitativa da experiencia persoal e de grupo das profesionais.