A violencia de xénero na pandemia colapsa o 016, que recibiu un 21% máis de chamadas

Comisión de seguemento sobre o Pacto de Estado de Violencia de Xénero. (Foto: R. Rubio / Pool / Europa Press)

A Delegación do Goberno español na Galiza destaca que o número de atención telefónica ás vítimas da violencia machista atendeu máis de 3.000 usuarias en 2020. Tamén hai máis agresores que levan dispositivos de control no país, pero aínda son só 103.

A violencia de xénero segue a ser un problema para a sociedade actual e máis en temos de pandemia e confinamentos. Ou así o trasladan os datos do 016, o número de teléfono para a atención as vítimas, pois as chamadas aumentaron un 21% na Galiza o ano pasado.

Nos fríos números, segundo a Delegación do Goberno do Estado español, isto implicou que se superasen as 3.000 solicitudes de axuda. Entre xaneiro e decembro, as e os operadores tramitaron 535 expedientes máis que en todo o ano anterior.

Se ben é certo que o servizo estivo dispoñíbel en todo momento, unha subida tan brusca no país dá unha sensación de colapso e de que hai un problema grande que se debe combater con máis medios para evitar que máis mulleres continúen a ser vítimas de agresións por parte das súas parellas e ex parellas.

A este balance hai que sumar o feito de que subiron un 17% as usuarias do Servizo Telefónico de Atención e Protección ás vítimas da violencia de xénero (Atempro), até chegar ás 625. Un dato positivo é que máis agresores están controlados de forma telemática porque se puxeron 103 dispositivos, fronte aos 57 que se contabilizaron en 2019.

As mesmas fontes indican que, na actualidade, na Galiza hai activos un total de 3.731 casos no Sistema de Seguimento Integral de Casos de Violencia de Xénero. Así mesmo, de acordo cos rexistros dos que se dispón -e que están actualizados até o 30 de se3tembro- ao longo do exercicio no que comezou a epidemia da Covid-19 puxéronse 4.653 denuncias por violencia machista. Igualmente, incoáronse 1.613 ordes de protección.

Estas revelacións provocan un ascenso na preocupación, pois diversos colectivos alertaron en Nós Diario do crecemento desta dinámica entre as parellas mozas, coas rapazas menores de idade como protagonistas.

De decreto a lei

Neste contexto, o delegado do Goberno español saínte, Javier Losada, celebrou que se elevase á consideración de lei do decreto que garante as medidas de protección e atención a vítimas de violencia de xénero durante os estados de alarma. Referiuse, concretamente, á Lei 1/2021, do 24 de marzo, que entrou en vigor a pasada sexta feira.

"Comprobamos como as mulleres vítimas de violencia de xénero son un colectivo especialmente vulnerable en situacións de illamento domiciliario por verse forzadas a convivir co seu agresor", afirmou.