A violencia machista aumenta de forma preocupante entre os menores galegos

(Foto: Arxina)

Distintos colectivos como o xudiciale mesmo as ONGs recoñecen que existe un problema aínda que faltan estudos das Administracións ao respecto. Expertas consultadas por Nós Diario aposta nun plan de actuación para reducir estes abusos que na sociedade actual van en aumento.

A violencia machista non é cousa, unicamente, das parellas adultas. Malia que esta ameaza social na comunidade adolescente xa transcendera nalgunha ocasión, foi unha recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) na que rexeitaba o recurso interposto por un acusado de delitos de maltrato contra a muller para que se rebaixase a pena de cárcere estipulada pola Audiencia da Coruña por cometer varios abusos sobre unha menor cando era a súa parella a que deixou máis á vista a realidade no país.

En declaracións a Nós Diario, a avogada a acusación particular, Ana María Castro Martínez, recoñecía hai unhas semanas estar satisfeita co fallo definitivo de 17 anos na cadea para o maltratador. Pero máis alá do caso concreto, o contido do auto puxo de relevo unha realidade de violencia e abusos sobre as menores por parte das súas parellas, ás veces tamén adolescentes e outras xa despois de cumprir a maioría de idade.

Castro Martínez, que ten unha longa experiencia como letrada neste tipo de casos -e tamén está en contacto con outras e outros compañeiros da Galiza- lamenta que cada vez haxa un maior número de episodios de violencia machista nas menores.

Se ben é certo que é bo que deixen de ser segredos para intentar palialos, a falta de amplos estudos das Administracións sobre o tema fai que non quede claro se os delitos son máis ou simplemente traspasan en maior medida a fronteira do ámbito privado.

Desde o punto de vista da avogada "aumentaron os casos", pero puntualiza que afectan sobre todo a rapazas que "están preto da maioría de idade". Nos últimos anos semellaba que existía unha maior conciencia fronte a este tipo de abusos e unha independencia das mozas de 15, 16 ou 17 anos pero a experta ve certa "contradición", entre outras cousas porque a través "das redes sociais transmítese un enfoque patriarcal da sexualidade".

Se nesa etapa da súa vida comezan a descubrir o sexo, a pornografía que poden chegar a consumir ao igual que os seus mozos amosa que "a muller é utilizada coma un obxecto" e, ao seu entender, esa mensaxe cala nas adolescentes, chegando a que algunhas soporten a violencia desde distintos prismas (maltrato físico, abusos sexuais, ruptura do círculo social, incitación ao consumo de drogas, "o ciberacoso está á orde do día"...).

Afecta, sobre todo, a rapazas que están preto da maioría de idade

Ante a falta de informes públicos é difícil configurar perfís de vítimas e delincuentes pero, polos casos que coñece e os que leva -ou levou- persoalmente, a defensora destaca que, en xeral, é máis habitual que ambas partes veñan de "familias desestruturadas”. Non necesariamente de "nivel baixo".

A experta en prevención da violencia da ONG Save the Children, Cristina Sanjuán, coincide na percepción de que "esta violencia machista é a que máis crece", o que leva á "preocupación" e a comezar unha ampla investigación ao respecto no Estado español.

“O grupo de denunciantes que máis creceu foi a de menores de 18 anos”, subliña a representante do colectivo, que bota man das cifras que lles forneceu o Goberno do Estado español para o informe e que falan de 103 expedientes abertos no 2018 e de 125 tan só un ano despois.

Até o de agora a “violencia na infancia era invisibilizada” e sacala á luz é algo que se ve en positivo. O que se vai procurar é dar cunhas pautas de “causas e consecuencias” mínimas antes de que remate o ano.

Castro conta que na súa traxectoria profesional escoitou verdadeiras barbaridades de rapazas que "buscaban unha figura de protección" e deron cun maltratador.

Unha loita mo complexa pola amplitude de perfís

"Calquera home pode selo e calquera moza pode ser vítima: ese é un dos grandes problemas para a erradicación" porque ao non localizarse nun colectivo concreto "non se sabe por onde atacar".

Segundo explica a este diario, existen relacións nas que o agresor controla a forma de vestir, ten aplicacións de control no móbil da moza, insta a romper as relacións coas amizades, obrígalle a deixar de lado os estudos...

Pola súa banda, Sanjuán incide nese “abuso emocional e no control psicolóxico”. Mesmo fala do “sexting [extorsión con imaxes sexuais polas redes sociais], que non está catalogado como violencia pero si é de risco”, algo que vincula á “desinformación sexual” dunha boa parte da mocidade.

Os abusos van desde o control da forma de vestir a obrigar a abandonar os estudos, pasando por espiar a través dos móbiles

Cando chega unha denuncia aos xulgados (algo que vai en aumento, sobre todo impulsada polas nais e pais), as equipas de psicólogas forenses da Galiza chegan a confirmar que algunhas das denunciantes "xa non chegaran á madurez como o resto de rapazas". Os episodios vividos aos 16 ou 17 anos, valoran, deixan algunha marca para sempre.

A pesar de felicitar ao profesorado e a sanidade polo seu labor na descuberta destes casos de violencia machista, Castro demanda un maior apoio público de institucións públicas como a Xunta.

Carencia de recursos

"Non hai recursos, nin equipos especializados para as menores de idade", reflexiona, aclarando que de nada serve modificar leis e normas se "á hora da verdade non se seguen" as condicións e a Xustiza segue a ser "lentísima".

Ademais, opina que debe modificarse o camiño no que se traballa para eliminar estes episodios porque "o da formación non funcionou".

Save the Children aposta por traballar dunha forma integral tanto na Galiza como no resto do Estado español. “Hai que buscar a prevención, a detección e unha actuación rápida”, para evitar crimes que polo de agora non se dan. Mesmo fala de trasladar a concienciación ao currículo educativo, pois ten que haber unha combinación de “educación afectivo-sexual entre a escola e as familias” que evite problemáticas que oculten estas experiencias na adolescencia por “culpabilidade ou vergoña” das persoas afectadas.

As vítimas, reflexiona a avogada, "saben todo da violencia de xénero" pero se lles toca de xeito directo, cando menos durante un tempo, a veñen aguantando. 

Información á muller

Como o maltrato con estas características é algo descoñecido e aínda están a transcender publicamente algúns casos, nos Centros de Información á Muller (CIM) repartidos pola Galiza non recibiron moitas consultas ao respecto.

Así o recoñece a psicóloga da infraestrutura de Gondomar e coordinadora do Grupo de CIMS do Colexio Oficial de Psicólogos de Galiza (COPG), Susana Costas, que comenta a Nós Diario que hai máis atención a menores afectados pola violencia machista nas parellas dos proxenitores que as e os adolescentes.

En calquera caso, das poucas historias das que atenderon din que o tratamento que poden apostar a menores ou adultas é bastante similar. O positivo é que as e os profesionais entenden que, quizais, as adolescentes non teñen situacións tan perpetuadas no tempo nin dependencias e cargas familiares como as mulleres máis maiores.

Pon sobre a mesa a idea de crear un Observatorio da Infancia na Galiza

En calquera caso, Costas advirte de que os CIM tampouco dispoñen de todos os recursos necesarios para afrontar a violencia de xénero en menores porque nin sequera hai unha formación específica.

Verían con bos ollos a creación dunha “estrutura como a de servizos sociais” que teñan dúas ou máis patas, tratando a muller e á infancia como ámbitos diferenciados. De feito, indica que atenden da mesma forma a todas as usuarias porque non lles aportan cursos ou ferramentas para abordar a temática coas diferenzas necesarias.

Costas mesmo vería como algo positivo a creación efectiva dun “Observatorio da Infancia na Galiza”, porque a existencia dunhas estatísticas xustificaría a petición de máis fondos.