A violencia contra as mulleres, as cifras no Estado español

[Imaxe Galiza Contrainfo]

Os resultados da macro-enquisa elaborada polo Ministerio de Sanidade evidencian a pegada da violencia machista no estado.

 

Esta segunda feira (30 de marzo) 3 mulleres foron asasinadas polas súas parellas. A cifra increméntase de se computar o feminicidio acontecido en Huelva o 29 de marzo. Catro mulleres en 48 horas que incrementan as cifras oficiais das que, no entanto, fican excluídos os casos en que a vítima sobreviviu e aquelas mulleres que non mantiñan unha relación afectivo-sexual co seu agresor. 

Desde o Ministerio de Sanidade publicaron, con data dese mesmo día, unha macro-enquisa sobre a pegada da violencia contra as mulleres no conxunto do Estado español. Os resultados apuntan que o 12,5% delas ten padecido ou padece violencia física ou sexual ao longo da súa vida no seo dunha relación de parella. 

Isto é, 12 de cada 100 mulleres recoñecen ser ou ter sido empurradas, recibir labazadas, golpes ou ter sido ameazadas. Aliás, foron ou tiveron sido obrigadas a manter relacións sexuais non desexadas por medo mesmo "facéndolle dano de algunha maneira", sinalan desde o Ministerio. 

Violencia de control e psicolóxica

O estudo publicado na páxina web dos servizos de igualdade estatais reflicte que a porcentaxe de mulleres que sofren ou sufriron violencia aumenta cando esta adquire formas menos visíbeis como a violencia psicolóxica, emocional, económica e de control. 

Neste senso, o 25,4% das mulleres enquisadas asegura ter sufrido ao longo da súa vida actitudes e comportamentos violentos por parte da súa parella se tentaba relacionarse coa súa familia e amizades; teren sido ignoradas ou tratadas con indiferenza; menosprezadas, insultadas e mesmo asustadas ou intimidadas. O medo atinxiu o 13% delas e a violencia económica vencellada á relación o 10,8%. 

O 25,4% das mulleres enquisadas asegura ter sufrido ao longo da súa vida violencia de control e/ou psicolóxica

Por faixas de idade, a violencia de control aumenta e tórnase máis habitual entre a mocidade. Así, daquelas mulleres que din ter sufrido esta forma de violencia nos últimos 12 meses a media sitúase no 9,6% para as mulleres entre maiores de 16 anos. Porén, un cuarto (25%) das mozas entre 16 e 19 anos afirman que a súa parella lles impediu ou impide relacionarse coa súa familia e amizades; sospeita inxustificadamente de infidelidades, agarda que lle pidan permiso para ir pola súa conta ao hospital ou centro médico e mesmo insiste en saber onde está en cada momento. 

As cifras mantéñense en valores superiores á media durante todos os tramos de idade até os 40 anos. 

O 63,6% das mulleres recoñecen que as súas crianzas presenciarion ou escoitaron os episodios violentos, a práctica totalidade eran menores de 18 anos

Daquelas mulleres que afirmaron sufrir violencia machista o 63,6% recoñecen que os episodios de violencia tiveron lugar en presenza das súas crianzas ou cando estas podían escoitar. A maior parte dos casos, o 92,5%, menores de 18 anos. Aliás, o 64,21% de quen tiña crianzas menos de idade afirma que estas "sufriron á súa vez violencia". Un feito que salienta após o feminicidio acontecido en Xibraltar na segunda feira e no que, presuntamente, o home tería asasinado --para alén da muller-- as crianzas de ambos, unha nena de 6 anos e un bebé de poucas semanas. 

Discapacidade

O estudo tamén subliña a maior pegada da violencia machista entre aquelas mulleres con discapacidade igual ou superior ao 33% --fórmula empregada polos servizos sociais-- entre as que o 23,3% afirman ter sufrido violencia física, sexual ou medo nos últimos 12 meses. En troca, a porcentaxe descende até o 15,1% no caso de mulleres "sen certificado de discapacidade".