Feministas din que o estudo da UE sobre violencia machista, confirma as súas denuncias e a "hipocresía social"

[Imaxe: Galizacontrainfo]

A Axencia dos dereitos fundamentais da UE editou o primeiro informe sobre violencia machista nos Estados membros. Desde o movemento feminista de Galiza subliñan que os resultados "veñen a confirmar" as súas denuncias mais tamén "a hipocrisia social na que vivimos".

 

O primeiro estudo arredor da violencia exercida contra as mulleres na UE saltou á primeira plana da imprensa internacional nada máis ser feito público. Os dados deitados polas máis de 42.000 entrevistas realizadas entre os 27 Estados membros reflicten a magnitude da violencia machista e "veñen a confirmar o que o feminismo di desde hai anos, que existe unha bolsa oculta" as máis das veces negada polas institucións públicas, asegura Luísa González desde o Observatorio da Mariña pola Igualdade. 

E é que de acordo cos resultados do informe, no mínimo 62 millóns de mulleres na Unión Europea --o 33% das enquisadas-- aseguraron térense atopado en situación de violencia física e/ou sexual despois dos 15 anos de idade. Aliás, o 22% afirmaron teren sido agredidas física e/ou sexualmente polo seu compañeiro e perto de 1 de cada 10 recoñeceron teren sido violadas por parte dun non parceiro. 

62 millóns de mulleres na Unión Europea aseguraron térense atopado en situación de violencia física e/ou sexual

O estudo, desenvolvido a partir de entrevistas persoais en que as inquiridas foron preguntadas por experiencias concretas, pon o acento na vertente estrutural da violencia machista e alerta de que as agresións padecidas por mulleres atinxen non só o ámbito privado-familiar senón, tamén, o traballo, as institucións públicas e a Internet. Neste senso, aseguran desde a Axencia europea, "o inquérito mostra que a violencia física, sexual e psicolóxica contra as mulleres constitúe un abuso sistemático dos dereitos humanos en todos os Estados Membros". 

No entanto, desde a Asociación de axuda a mulleres maltratadas de Vigo, advirten que este tipo de estudos, embora "seren importantes" por elevar "a problemática" ao espazo público, son "pecata minuta" a respeito do que acontece na realidade. 

"Tiñamos que comezar polo comezo: por que as mulleres non denuncian?"

"No Estado español hai moitísima violencia de xénero e moita que non sae á luz porque os tribunais, por exemplo, non funcionan"

Rosa Fontaíña traballa de maneira directa con mulleres en situación de violencia machista. A respeito dos dados que se tiran do estudo amósase dubidosa e mesmo moi crítica. "No Estado español hai moitísima violencia de xénero e moita que non sae á luz porque os tribunais, por exemplo, non funcionan", subliña. Da mesma maneira, desde o Observatorio da Mariña pola Igualdade, Luísa González asegura que "o número de denuncias recollidas nos países nórdicos" --e que segundo o informe contarían con máis casos-- "débese a que as mulleres denuncian máis" e non, como aseguraron desde algúns medios de comunicación, porque en Estados como o español o número de mulleres en situación de violencia de xénero sexa menor. 

Porén, independentemente do número, as conclusións do informe comunitario evidencian que se trata dun "problema social e estrutural", coinciden desde Vigo e A Mariña, mais ao que as institucións continúan a "virar as costas". 

"Tiñamos que comezar polo comezo", indica Rosa Fontaíña, "por que as mulleres non denuncian? Por que retiran as denuncias?", inquire. "É sempre por medo e ameazas, iso temos que telo en conta, que o medo ao maltratador e á contorna familiar se converte en bloqueo", sentencia. E este temor, que leva a moitas mulleres a retirar as denuncias por maltrato, lévaas a "unha segunda victimización" por parte da imprensa e mesmo das institucións, acrecenta Luísa González. "Cando dan conta dun novo asasinato e din 'non houbo denuncias' xa lle poñen [á muller] a etiqueta de 'culpábel'", explica Rosa Fontaíña. 

"Cando dan conta dun novo asasinato e din 'non houbo denuncias' xa lle poñen [á muller] a etiqueta de 'culpábel'"

Tamén así, desde o Observatorio alertan do tratamento que a imprensa fai da violencia machista. "Incumpren os protocolos", apuntan, "volven os casos á sección de sucesos, empréganse titulares tendenciosos falando de 'mortas' e non de asasinadas, no duplo crime da Mariña mesmo se asegurou que a motivación fora por problemas económicos e non por cuestión de xénero"; destarte, continúa Luísa González, "a respeito da última muller asasinada, integrante da comunidade xitana, os medios mesmo aseguraron que se tratou dun caso propio de colectivos conservadores, tradicionais". 

"Hipocrisía social" cara á violencia machista

"Vivimos nunha hipocrisia social", sentenza Rosa Fontaíña. "Matan unha, saímos manifestarnos as mesmas 10 persoas de sempre e xa, enterrada e até a próxima, nen cristo fala deste tema", denuncia. "Non existe vontade política", indica Luísa Gozález, "para tratar esta cuestión como o que é, un problema social e estrutural. As institucións políticas gardan 5 minutos de silencio e nada máis, non se fai nada". 

"Dá pena a falta de compromiso cos asasinatos", subliña Rosa Fontaíña, "a falta de alarma social e de implicación por parte dos políticos, mais tamén da cidadanía e das institucións, é unha cuestión que debera estar todos os días no debate". Un feito que para Luísa González sería tratado de maneira ben diferente "se os asasinatos fosen froito dun atentado terrorista, sería portada de todos os xornais". En troca, "non se lle dá importancia, está completamente normalizado que as mulleres sexan asasinadas", sentencian.