Vigo mobilízase polo dereito a decidir do pobo saharauí

Concentración convocada por Sogaps, onte en Vigo. (Foto: Nós Diario).
Desde a Fronte Polisario, denuncian tamén que o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez "sucumba ante a presión e a chantaxe" de Marrocos.

Unhas 300 persoas secundaron onte en Vigo o chamamento de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps) para mobilizarse baixo o lema Sáhara non se vende, Sáhara decide. Entre os representantes políticos presentes, estiveron Xabier Pérez Igrexas, Montse Prado, Alexandra Fernández e Carmela González polo BNG, Rubén Pérez e Eva Solla por IU, Marta Fernández Tapias polo PP e Alberte Gonçalves pola CIG.

Loita pola autodeterminación

A loita a favor da autodeterminación do Sáhara Occidental é unha reivindicación que vén de lonxe mais que se viu intensificada após o estalido do conflito armado con Marrocos o pasado 13 de novembro. Desde a Fronte Polisario, denuncian tamén que o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez "sucumba ante a presión e a chantaxe" de Marrocos. Así o manifestou onte Mohamed Zerga, delegado da Polisario na Galiza, en declaracións a Nós Diario.

"A Fronte Polisario é o único lexítimo representante do pobo saharuí, e lamentamos profundamente que o Goberno español, queira agradar constantemente Marrocos, xogando coa ambigüidade. O Estado español continúa a ser a potencia administradora dun territorio pendente de descolonización", destaca Zerga.

O Executivo de Sánchez vén de apoiar o denominado como 'Plan de Autonomía' para o Sáhara Occidental proposto por Marrocos, algo que para a Polisario é "totalmente insuficiente". A este respecto, Zerga salienta que "a aceptación deste plan supón, máis unha vez, ceder ante a chantaxe de Marrocos outorgándolle un territorio que non lle pertence, é toda unha traizón".

Demandan referendo de autodeterminación

Para Zerga, a única solución é que "o Sáhara Occidental se someta a un referendo de autodeterminación". "A decisión que pobo saharauí tome nun referendo, será acatada polo Fronte Polisario", destaca.

O Sáhara Occidental encóntrase envolto desde o pasado 13 de novembro de 2021 nun conflito armado, cando o exército marroquí penetrou a zona desmilitarizada de Guerguerat, no sur do Sáhara Occidental, sobre isto, Zerga salienta que "non haberá un alto ao fogo baixo ningún concepto. Loitaremos até a fin, até lograrmos o noso obxectivo que é a autodeterminación".