VÍDEO | Así amenceu o centro comercial Vialia de Vigo após o inicio da folga do persoal de limpeza

Un dos corredores do centro comercial Vialia en Vigo (Foto: Nós Diario).
Os sindicatos convocaron a folga para demandar un "convenio digno", tras meses negociando coa patronal sen que se producisen avances.

A última hora desta terza feira deu inicio a folga de limpeza de edificios e locais de Pontevedra e Ourense convocada polos sindicatos CIG, UXT e CCOO en reivindicación dun “convenio digno”.

Na mañá desta cuarta feira, a folga fíxose notar especialmente na cidade de Vigo, no centro comercial Vialia onde tamén se encontra a estación de tren da cidade olívica que amenceu con moita sucidade en practicamente todos os corredores do lugar. Tamén se puideron ver pancartas reivindicativas das traballadoras en que se lía “en defensa dun convenio xusto” ou “por dignidade”.

Servizos mínimos

A Xunta da Galiza publicou na segunda feira no Diario Oficial da Galiza (DOG) os servizos mínimos para a folga, nos cales se recolle que deberán traballar 100% dos empregados que operen nas unidades de coidados intensivos (UCI) dos hospitais, así como nas urxencias, laboratorios de urxencias, radiodiagnóstico de urxencias, área de cirurxías, reanimación posquirúrxica, reanimación cardíaca, oncoloxía radioterápica, hematoloxía e hospital de día e diálise.

En canto ás áreas de radioloxía intervencionista, esterilización e hospitalización, o persoal necesario dos servizos mínimos será de 70%, mentres que 50% no caso do resto de áreas hospitalarias.

Os sindicatos convocaron a folga para demandar un "convenio digno", tras meses negociando coa patronal sen que se producisen avances e con propostas de subidas salariais por baixo do IPC. "Imos ver como resulta o paro e a partir de aí analizamos outras accións", dixo en declaracións Transi Fernández, da CIG, indicando que por agora non hai sobre a mesa ningunha nova reunión coas patronais.