Vía Galega reivindica en Frankfurt a "plena soberanía da Galiza" fronte á negación dos dereitos dos pobos

Representantes de Vía Galega, da Assemblea Nacional Catalana e de Gure Esku en Frankfurt.
Participou xunto a representantes da Assemblea Nacional Catalana e de Gure Esku nunha mesa de debate sobre autodeterminación, referendo e democracia.

Vía Galega, a Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza, interveu este sábado no espazo cultural BeyondSpain, coincidindo coa Feira do Libro de Frankfurt que este ano elixiu o Estado español como convidado especial.

Representantes da entidade compartiron mesa con voceiros da Assemblea Nacional Catalana, por Catalunya, e de Gure Esku, por Euskal Herria, para debater sobre "O dereito de autodeterminación, referendo e democracia desde abaixo".

Adrián Bravo, en nome de Vía Galega, incidiu en que a negación dos dereitos colectivos dos pobos leva implícita a limitación dos dereitos individuais das súas persoas.

Soberanía enerxética

"O exercermos a plena soberanía, o termos a plena capacidade política, non só é un dereito inalienábel, como nación que somos, senón que se torna imprescindíbel para paralizar o espolio e dispoñer dos nosos recursos naturais e produtivos, para termos un sector financeiro público e propio, para desenvolver a nosa base produtiva e os sectores estratéxicos da nosa economía", explicou.

Neste sentido, Bravo avogou por "reivindicar e loitar por un proceso de industrialización do noso país, rachando co modelo actual de industrias de enclave, apostando polo noso rural como unha potencia alimentar, defendendo a nosa soberanía enerxética cunha tarifa eléctrica galega", onde as galegas e galegos, dixo sexan os beneficiarios directos da produción que ten lugar na Galiza.

Dereitos humanos

Segundo sinalan nun comunicado, desde a ANC subliñaron que as violacións sistemáticas dos dereitos humanos e políticos aplicadas até o de agora no caso catalán afectarán ás futuras normas democráticas da UE e sentarán un perigoso precedente para a cidadanía da UE.

Tamén denunciaron o 'Catalán Gate', que cualificaron como o maior caso de espionaxe político do mundo e un exemplo de como as autoridades abusaron dos dereitos humanos de 65 políticos e activistas independentistas cataláns polas súas ideas.

Conflitos territoriais

Pola súa parte, desde Gure Esku, sinalaron a situación actual que se vive en Europa para recoñecer "imprescindíbel romper a situación lóxica da real politik que conduce a guerra".

Así, afirmaron que na actualidade non cabe falar de conflitos internos, como se fai no caso da guerra da Ucraína, "cuxas consecuencias cruzaron rapidamente as fronteiras dos estados".

É por isto que se amosaron convencidos da necesidade de intervir e facilitar unha resolución democrática dos conflitos territoriais de soberanía, "no só por unha cuestión de democracia e liberdade, senón tamén para previr conflitos máis graves que poidan afectar a toda a Unión e para reforzar o proxecto europeo".

A Feira do Libro de Frankfurt escolleu este ano o Estado español como convidado de honra, un xesto que atopou no espazo BeyondSpain un ámbito de expresión para colectivos dos diferentes territorios. En palabras de Vía Galega, "unha alternativa para a creación cultural e literaria, para as linguas e os dereitos lingüísticos, para as ideas democráticas, antifascistas e anticoloniais. Un espazo para os colectivos que queren mostrar a outra realidade sobre as linguas, culturas, literaturas e o activismo político".