Veterinarios alzan a voz de alarma ante a lingua azul e a 'Covid das vacas': "Temos un problema"

Dúas vacas nunha leira no concello de Baleira (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
A enfermidade hemorráxica epizoótica, coñecida como a 'Covid das vacas' é infecciosa pero non contaxiosa e prodúcea un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero 'culicoides'.

No último ano entraron na Galiza dous novos virus transmitidos por vectores: un, a lingua azul, a través dun mosquito do xénero 'culicoides' que non estaba presente e que se desprazou a través do vento desde o norte de África; e outro, a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE), mediante outro 'culicoides' que si estaba na Península Ibérica. Algo que "nunca pasara na historia da Galiza" e ante o que o decano de Veterinaria da USC, Gonzalo Fernández, advirte: "Temos un problema".

Nunha entrevista coa aexncia Europa Press, o decano desta facultade da Universidade de Santiago de Compostela (USC) atribúe a chegada destes novos virus ao cambio climático, debido a que "modifica a distribución dos vectores", e expón fronte a iso colaboración co continente africano para estudar enfermidades e vectores e "estar preparados". Trátase, incide, de "ir adiantándote" ao seu posíbel desembarco, tendo en conta que a afección ás explotacións tanto da lingua azul como da coñecida como 'covid das vacas' é xa unha realidade.

O estudo sobre a prevalencia deste virus é algo que bota en falta o decano de Veterinaria. Por agora, el manexa datos que á súa vez lle transmite o colectivo de profesionais, en contacto directo cos animais e cos casos de enfermidade hemorráxica: "O que calculan é que 10% dos animais presentan clínica e 1%, máis ou menos, teñen un cadro bastante grave", apunta.

Os sindicatos agrarios reclaman xa axudas para afrontar as consecuencias desta doenza, cuxo custo máis evidente é o do falecemento da res. Pola súa parte, Fernández sinala que a baixada da produción de leite é importante nun animal afectado, aínda que esta enfermidade está a darse máis en vacas en extensivo, e por tanto, nas que se dedican a producir carne.

Mosquiteiras e repelentes

A enfermidade hemorráxica epizoótica é infecciosa pero non contaxiosa e prodúcea un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero 'culicoides'.

Por este motivo, aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. "Con este verán que tivemos até hai nada, a actividade foi máis longa, e a enfermidade está en todo o Estado español", constata Gonzalo Fernández. Así, é previsíbel que nas próximas semanas as baixas temperaturas corten a súa expansión.

Non hai vacina, así que o tratamento é "sintomático", explica o decano, que aconsella aos gandeiros que coiden "canto antes" o animal infectado e traten de mantelo hidratado e apartado doutras reses sen síntomas.

Así mesmo, pide declarar a sospeita e, para previr os contaxios, recomenda a desinfección mediante repelentes contra os mosquitos, que neste caso acumúlanse en materia orgánica, máis aló de zonas húmidas.

Por iso é polo que os titulares das explotacións xa estean a optar por situar mosquiteiras nos cortellos e mantelos afastados de espazos con acumulación de feces.

Focos no país

Por agora, o Ministerio de Agricultura mantén un sistema de vixilancia da evolución da enfermidade hemorráxica epizoótica. O pasado 26 de outubro, a Xunta da Galiza declarou cinco novos focos da 'covid das vacas' en explotacións bovinas galegas.

Nos 13 focos notificados no país até a data, noutras tantas comarcas veterinarias da Galiza, até o de agora rexistrouse a morte de 10 vacas por mor desta doenza.