As verteduras ás rías galegas en máximos históricos

Fábrica de Jealsa, no Bodeón (Boiro). (Foto: Nós Diario)
A denuncia á conserveira Jealsa chega ao Parlamento.

A deputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Rosana Pérez ven de rexistrar un paquete de iniciativas na Cámara galega interesándose pola situación das rías, urxindo a Xunta a “intensificar a vixilancia e os controis de verteduras” e reclamando ao  Goberno galego “a actuar para evitar que as actuacións irregulares ou ilegais se sigan producindo”. 

Ao tempo, insta o Executivo a presentarse “como parte interesada no procedemento de denuncia que vén de iniciar a Fiscalía de Medio Ambiente contra a conserveira Jealsa” e “atender con urxencia todas as queixas ou denuncias, sen dilación de prazos, que se produzan relativas a verteduras á ría de Arousa”.

A proposta da parlamentar nacionalista prodúcese após a causa aberta contra a conserveira de Boiro Jealsa e tras recoñecer Augas da Galiza que os vertidos ás rías téñense situado en 2020 en máximos históricos. A este respecto, Pérez denuncia que “as cousas seguen empeorando, tal e como veñen de amosar os propios datos que Augas de Galiza vén de facer públicos recentemente e que conclúen que no ano 2020 acadouse nas rías galegas a maior cifra de vertidos dos últimos anos”. 

Neste sentido, significa que “nesta escandalosa estatística, sobresaen os vertidos á ría de Arousa, un 37% do total”.

“As actuacións da Xunta de en materia de vertidos ás rías, e nomeadamente en materia de verteduras industriais, non son precisamente coñecidas pola súa dilixencia e, moito menos, pola súa contundencia”, afirma a nacionalista.

Critica “os reiterados vertidos que se veñen dando na zona dende hai décadas, sen que a administración autonómica tomara cartas nun asunto que é da súa competencia e que, ademais de vir prexudicando a veciñanza da zona, causa danos importantes ao medio ambiente e á actividade pesqueira e marisqueira da ría de Arousa”. 

Pérez advirte dos riscos da actitude do Goberno galego para actividade económica. “A ría de Arousa acolle unha inmensa riqueza marítima que sostén miles de postos de traballo, mais a permisividade coa que actúa a Xunta, a súa falla de vixilancia e control e a opacidade e falla de transparencia que envolve calquera episodio de contaminación, sobre todo industrial, e outras malas prácticas están a pór non só en risco unha actividade esencial e a propia riqueza natural dunha das rías máis produtivas do mundo senón tamén a crear unha sensación de impunidade totalmente inadmisíbel nos tempos e na sociedade actual”, conclúe a deputada.