A Fiscalía cuestiona o papel da Xunta na xestión das verteduras de Jealsa

A conserveira Jealsa renunciou a un acordo coas partes afectadas para pór fin ao problema das verteduras á ría de Arousa.
Segundo as entidades denunciantes, as verteduras máis abundantes producíanse nas fins de semana na contorna da conserveira (Foto: Plataforma Defensa Ría de Arousa).
photo_camera Segundo as entidades denunciantes, as verteduras máis abundantes producíanse nas fins de semana. (Foto: Plataforma Defensa Ría de Arousa).

A Fiscalía de Medio Ambiente da Coruña presentou unha denuncia contra a conserveira Jealsa Rianxeira por verteduras da súa fábrica do municipio de Boiro á ría de Arousa.

Segundo o escrito da Fiscalía, ao que tivo acceso Nós Diario, desde o ano 2000 téñense constatado verteduras "con habitualidade" na zona da Punta do Capitán, en Abanqueiro (Boiro) que teñen provocado "unha notábel mortandade da fauna piscícola". Porén, apunta que "non pode concluírse a procedencia exclusiva destas substancias da conserveira Jealsa", xa que en 2019 tamén se detectou un episodio de contaminación con orixe na depuradora de Rianxo, en proceso de ampliación.

A Fiscalía chama a atención sobre a reiteración das verteduras, con máis de once episodios documentados entre os anos 2017 e 2020, un "efecto acumulativo" que, como advirte o Ministerio Público, "podería presentar a entidade suficiente para determinar unha alteración substancial da calidade das augas", cunha "compoñente  dolosa".

Neste senso, sinala que, de confirmarse que Jealsa Rianxeira está detrás destes episodios de contaminación, "constituiría unha acción de vertedura de augas contaminadas sen tratamento adecuado no medio mariño da ría de Arousa, sen axustarse aos límites autorizados na autorización ambiental integrada", "e sen que conste efectuado un seguimento adecuado" do seu cumprimento "nin o exercicio de maneira adecuada da potestade sancionadora da Administración".

Precisamente, sobre este último aspecto, a Fiscalía cuestiona o papel da Xunta, con varias inspeccións e expedientes por parte de Augas da Galiza que non puxeron fin ás verteduras. "Só consta a imposición dunha sanción á empresa infractora leve que non atallou o problema, que retorna con periodicidade", apunta o órgano xudicial.

Solución extraxudicial

Desde a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, unha das entidades que denunciou os vertidos, o seu portavoz, Xocas Rubido, explica a este diario que hai dous anos organizaran unha xuntanza cos propietarios de parques de bateas afectados, as confrarías, desde Aguiño até  Rianxo ─que ten competencias na zona─ o Concello de Boiro, a empresa e representantes de Augas de Galiza e Intecmar para tratar de buscar unha solución ao problema, pero que a empresa "coa complicidade de Augas de Galiza" negou calquera tipo de relación cos mesmos. "Un paripé innecesario cando o que intentabamos era tender pontes", lamenta Rubido.

Pola súa banda, o patrón maior de Rianxo, Miguel Iglesias, recoñece que "nós non queríamos chegar a este punto". De feito propuxeron acordos a Jealsa para optar a algunha axuda que permitise mellorar a depuración. "Pola nosa parte todo era colaboración, pero pola súa todo era negalo", lamenta.

"Non podemos pasar máis, porque esa zona era un criadeiro natural e era impresionante o que daba de cría; agora está a morrer", denuncia Iglesias, que non entende que "por salvar os dous mil empregos de Jealsa permitan verteduras que prexudican as 600 persoas que viven do marisqueo na confraría".

Comentarios