A Fiscalía de Medio Ambiente presenta denuncia contra a conserveira Jealsa por verteduras á ría de Arousa

Esta conserveira factura máis de 700 millóns de euros anuais e conta con 5.300 traballadores. Así mesmo, a compañía opta a fondos europeos  Next  Generation cun proxecto para unha planta de  biorefinería mariña vinculada co hidróxeno
Traballadoras nunha fábrica de conservas (Imaxe: Jealsa)
photo_camera Traballadoras nunha fábrica de conservas (Imaxe: Jealsa)

A Fiscalía de Medio Ambiente da Coruña presentou denuncia contra a conserveira Jealsa Rianxeira no xulgado de instrución de Ribeira (comarca do Barbanza) por verteduras da súa fábrica do municipio de Boiro á ría de Arousa.

Diso informan fontes xudiciais a Europa Press, que confirman que existen "suficientes elementos" de ilícito penal para que Fiscalía presente denuncia, despois que El Confidencial avanzase este caso.

Vertidos de "indubidábel natureza industrial, presentándose en forma de escumas esbrancuxadas, manchas amareladas compostas de graxas de procedencia industrial, cúmulos sólidos esbrancuxados ou residuos graxentos"

Na súa información, apunta a que o escrito da fiscal recolle que a Garda Civil identifica vertidos de "indubidábel natureza industrial, presentándose en forma de escumas esbrancuxadas, manchas amareladas compostas de graxas de procedencia industrial, cúmulos sólidos esbrancuxados ou residuos graxentos".

A isto únese unha análise do pasado mes de marzo que identifica a "vertedura non autorizada derivada da mala praxe dos operarios da conserveira, vertendo ao mar por baldeo tras a limpeza dos contedores que aloxaban restos de materia orgánica".

O pasado mes de maio a planta da conserveira en Boiro sufriu un incendio que afectou 11.000 metros cadrados. Sobre este sinistro, o presidente de Jealsa, Jesús Manuel Alonso Escurís, fixou pouco despois o prazo dun ano para que a planta retome a actividade con normalidade.

Esta conserveira factura máis de 700 millóns de euros anuais e conta con 5.300 traballadores. Así mesmo, a compañía opta a fondos europeos  Next  Generation cun proxecto para unha planta de  biorefinería mariña vinculada co hidróxeno.

Comentarios