Medio Ambiente

As verteduras das celulosas de Altri contaminan o río Texo pondo en risco a actividade pesqueira

Espuma de contaminación no encoro de Abrantes, no río Texo, a 100 km da pasteira de Celtejo. (Foto: Arlindo Marques).

As relacións de Altri co medio ambiente nunca foron boas. O grupo portugués, que posúe o 75% do capital de Greenfiber, a sociedade que impulsa unha pasteira en Palas de Rei (A Ulloa), acumula centos de denuncias por contaminación ao río Texo en Portugal. Unha empresa do grupo, Celtejo (Celulosas do Tejo), é responsábel do 90% das verteduras contaminantes a ese río.

Celtejo é unha das tres celulosas de Altri en Portugal. A pasteira, emprazada no concello de Vila Vella de Rodao, no distrito de Castelo Branco, próximo á comunidade española de Estremadura, leva anos no centro das denuncias do movemento ecoloxista portugués. A maiores, o grupo investidor é titular doutra factoría de celulosa en Constancia, tamén ás beiras do río Texo, no distrito de Santarén, e doutra planta análoga na Figueira da Foz, na ribeira do río Mondego, no distrito de Coimbra.

As verteduras de Celtejo ao río Texo teñen desde hai unha década en pé de guerra a concellos, pescadores, ecoloxistas e diversos colectivos veciñais da zona. As denuncias formuladas por estas entidades atopáronse durante moitos anos co apoio do Executivo portugués á industria da celulosa e ao monocultivo forestal do eucalipto. A isto contribúen, tamén, as conexións co poder político dos propietarios destes grupos, como o propio Paulos Fernandes, presidente de Altri.

A presión social obrigou, finalmente, o Goberno luso a investigar a contaminación no río Texo. A este respecto, un informe publicado o 31 de xaneiro de 2024 pola Axencia Portuguesa do Ambiente (APA) concluía que as empresas pasteiras situadas nas beiras do río Texo eran as responsábeis da contaminación descontrolada detectada nas súas augas. Neste sentido, o relatorio confirmaba que a concentración de fibras de celulosa que transporta o río Texo á altura de Abrantes, a menos dun centenar de quilómetros ao sur de Vila Vella de Rodao é 5.000 veces superior ao normal.

Impacto na pesca

A análise sobre a contaminación no río Texo recollida no estudo da Axencia Portuguesa do Ambiente está na liña doutros textos anteriores. Así, o investigador do Instituto Universitario de Lisboa Francisco José Caramujo advertiu, nun traballo elaborado en 2020 sobre o impacto das celulosas no río Texo, dunha "redución considerábel da fauna do río",  cunha "parte considerábel das especies nativas do Texo a desaparecer". Na mesma liña, apuntou unha “diminución do peixe”, polo que “a situación económica dos pescadores tornouse profundamente precaria e obrigounos, na súa gran maioría, a abandonar a profesión e a súa comunidade en busca de mellores condicións de vida”.

O símbolo da loita pola recuperación ambiental do Texo, Arlindo Marques, non dubida das causas da contaminación no río. O pasado mes de febreiro, nunhas declaracións á publicación española CTXT, salientou que “o ministro de Ambiente non ten a coraxe política de sinalar directamente a Celtejo. Hai máis empresas no río, pero o problema está en Celtejo, porque ela manda a pasta xa en tubos ás outras dúas empresas, que transforman a pasta en panos de mesa ou en rolos de papel hixiénico. É no proceso da fabricación de pasta cando se contamina”.