A vertedura de pellets de plástico esténdese desde A Mariña até a ría de Vigo

Mapa dos puntos nos que se atoparon pellets de plástico ou sacos dos mesmos, elaborado por Noia Limpa. (Foto: Noia Limpa)

Organizacións ecoloxistas e grupos de voluntarios convocan accións de recollida este domingo en diferentes praias galegas.

A vertedura de pellets de plástico procedente de contedores do mercante Toconao perdidos mentres navegaba en augas portuguesas á altura de Viana do Castelo estendeuse xa até a comarca da Mariña, segundo notificaron os concellos e a Asociación Noia Limpa.

En concreto, o Concello de Oleiros (comarca da Coruña) denunciou este sábado a contaminación das praias e de toda a costa do municipio con "miles de diminutas bólas de plástico brancas".

Ademais, criticou que non recibiu ningunha comunicación por parte da Xunta da Galiza nin do Goberno estatal e instou a ambos a "adoptar medidas urxentes para limpar a costa dos elementos contaminantes e reducir o grave impacto ambiental que se está orixinando contra o medio mariño".

Pola súa banda, o Concello de Outes (comarca de Noia) confirmou que a pasada sexta feira as praias de Broña e Siavo presentaban restos destes plásticos. Con todo, sinalou que a incidencia contaminante no municipio "é moi baixa", aínda que seguirán facendo seguimento diario.

Ademais, a Asociación Noia Limpa, que elaborou un mapa coa identificación de diferentes puntos na costa nos que apareceron estes plásticos diminutos e que monitorizou as verteduras practicamente desde que se detectou o problema, notificou verteduras no municipio mariñán de Foz.

Así, este mapa recolle verteduras destes pellets de plástico desde A Illa de Arousa (O Salnés), pasando por Ribeira (O Barbanza), Noia, Muros, Carnota (comarca de Muros), A Coruña, Burela ou Foz (A Mariña), entre outros. Nas últimas horas rexistráronse tamén avistamentos de pellets de plástico na ría de Vigo, en praias como as morracenses de Nerga ou Liméns.

Accións de recollida

Ante a inacción da Xunta da Galiza para mobilizar medios humanos, grupos de voluntarios organizan a través das redes sociais accións de recollida, aínda que ante a dispersión da vertedura, organizacións de ecoloxistas animan á xente para acudir a calquera das praias da ría de Muros e Noia con luvas e sacos.

O fundamental até o momento era recoller os sacos de 25 quilos antes de que rompesen nas rochas, pero cada vez son menos e agora o que chega é totalmente esparexido, polo que se trata dun traballo moi minucioso.

Ademais, afirman que están a realizar xestións para conseguir máquinas cribadoras que se poidan pasar pola area para sacar os plásticos, aínda que recoñecen que iso necesita permisos da Xunta da Galiza, "o que está complicado". Ademais, persoas expertas teñen sinalado que esta práctica pode danar o ecosistema ao alterar a súa estrutura, polo que recomendan a recollida dos pellets “de un en un”.