Bedeko desvínculase da propiedade dos sacos de pellets e sinala Maersk como responsábel

Bólas de plástico atopadas nos areais de Ribeira (O Barbanza). (Foto: L. P. B)

Os sacos de gránulos de plástico serían propiedade dunha empresa india

Bedeko, a empresa con sede en Polonia que figura nos sacos de pellets plástico vertidos nas costas galegas, desvincúlase da propiedade dos mesmos. Así o confirma a compañía a Nós Diario.

Nas Rías Baixas e na ría de Muros e Noia levan aparecendo desde o pasado 13 de decembro "grandes cantidades" de pellets de plástico, dentro de bolsas de arredor de 25 quilos que tiñan impreso o nome desta empresa, Bedeko Europe. Porén, a Xunta da Galiza non activou o protocolo anticontaminación até a pasada quinta feira, 4 de xaneiro, case un mes despois, deixando a responsabilidade do seu control nos Concellos afectados e colectivos organizados como Noia Limpa.

“Quixéramos enfatizar que, a pesar de que o nome da nosa empresa aparece nas bolsas atopadas, non somos os propietarios e non asumimos responsabilidade polo dano resultante”, destacan desde a compañía.

O xigante Maersk, responsábel

Bedeko sinala a este medio, pola contra, a un fabricante indio como propietario do cargamento que un buque cargueiro perdeu á altura de Viana do Castelo, en Portugal. “A responsabilidade pola perda de moitos contedores no mar, incluído un con gránulos, recae na empresa de transporte Maersk, que realizou este transporte con seguro completo para tales eventos”, engade a compañía polaca.

Segundo esta empresa, a compañía dinamarquesa de transporte de contedores Maersk xa estaría “en proceso de contacto coas partes interesadas e as empresas de xestión costeira para resolver” un problema que xa foi cualificado como “un novo Prestige” polas consecuencias medioambientais que pode supor unha vertedura de tal magnitude.

Con todo, Bedeko, intentando restar importancia ao acontecido, informa a Nós Diario que “o gránulo non é un produto tóxico e utilízase na produción de produtos que entran en contacto con alimentos. Toda a documentación sobre o gránulo está en posesión de Maersk”.

“O fabricante indio de gránulos e Maersk están tomando as medidas axeitadas para aclarar e rectificar o dano”, insiste e a compañía polaca.