A Xunta di que soubo da vertedura de pellets hai dúas semanas pero Ribeira alertou moito antes, o 14 de decembro

Alfonso Villares, Ángeles Vázquez e Santiago Freire, esta sexta feira en Noia. (Foto: Nós Diario)

Villares acusa o Goberno español de coñecer a vertedura de plástico ao mar "hai 14 días" e informar a Xunta da Galiza esta semana

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acusou ao Goberno español de coñecer que un barco perdera contedores cheos de sacos de pellets de plástico en alta mar "hai 14 días" e informar á Xunta da Galiza esta semana.

En declaracións aos medios este sábado no Valadouro (A Mariña), o representante galego asegurou que o Goberno galego está a facer un seguimento dos pellets que chegan ás praias co persoal de Gardacostas e tamén con persoal de Medio Ambiente, "que están a axudar os Concellos para facer limpeza".

Uns traballos que cualificou de "importantes" e que avanzou que seguirán facendo, mentres criticou que o Goberno español informara a Xunta destes feitos a través de correos electrónicos "entre o 3 e o 4 de xaneiro".

Segundo Villares, antes do pasado 4 de xaneiro a Administración galega non tiña información do que estaba a ocorrer na costa galega. Algo que desmenten desde o Goberno de Ribeira (O Barbanza), primeiro Concello da Galiza que detectou os sacos de pellets de plástico nos seus areais, o pasado 13 de decembro.

Segundo confirma a Nós Diario a edil de Medio Ambiente do Concello de Ribeira, Antía Alberte, que asegura que o Executivo ribeirense trasladou á Administración galega informe do acontecido o 14 de decembro, hai case un mes.

Plan Camgal

"A nós isto trasládannolo o 4 de xaneiro”, insistiu este sábado Villares. “Preguntámonos por que non se poñen en contacto connosco e que pasou durante estas semanas que non se informou en ningún momento á Consellería", reprochou o conselleiro.

Así mesmo, o Villares mostrouse “preocupado”, entre outras razóns, por se o Executivo estatal "oculta" algo que “a Xunta descoñece”, mentres concellos afectados e o propio sector pesqueiro acusa a Xunta de facer o propio: ocultarlles a vertedura .

Do mesmo xeito, o conselleiro do Mar cuestionou: "Que estiveron a facer durante estes 14 días?". Nesta mesma liña, lembrou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica é o responsable de Salvamento Marítimo, polo que, na súa opinión, "teñen información precisa do que estaba a pasar". "Como non estabelecen un sistema de alerta e non poñen a funcionar un plan de acción cando eles son os competentes?", defendeu, esquecendo que a propia Xunta da Galiza conta tamén cun Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental (Plan Camgal), que non activou até pasadas máis de tres semanas de ter coñecemento da vertedura.

“Faltar á verdade”

O Goberno estatal asegurou que o xefe de servizo de Salvamento Marítimo de Fisterra comunicou o 20 de decembro ao subdirector do servizo de Gardacostas a chegada de pellets de plástico á costa galega pola perda do contedor do buque Toconao. Responde así ás declaracións realizadas Villares, que acusou o Executivo español de coñecer que un barco perdera contedores de plástico en alta mar "hai 14 días" e informar o Goberno galego esta semana.

Tras estas palabras, a Delegación do Goberno español na Galiza afirmou que a comunicación entre Salvamento e Gardacostas realizouse o 20 de decembro ás 18.30 horas.

Ante esta situación, o Goberno español demanda ao conselleiro que pida desculpas "por faltar á verdade" ou "asumir as súas responsabilidades ao non estar ao tanto da información recibida polos servizos da Xunta".