“Dez minutos de reloxo e un titular para abrir os informativos”: así actúa a Xunta na limpeza dos pellets

Operarios enviados pola Xunta á praia de Area Maior, este sábado, para a limpeza de pellets. (Foto: María Lago)

O nivel 1 do Plan Camgal implica unha emerxencia de “nivel mínimo”.

Durante dez minutos, sen material e sen información. Así foi a xornada de traballo dos operarios despregados pola Xunta da Galiza para realizar tarefas de limpeza da vertedura de pellets de plástico na praia de Area Maior, en Muros (comarca homónima). O que se di, comunmente, traballar para a galería.

Así o denunciou a alcaldesa da localidade muradana, María Lago, nas súas redes sociais, que describiu como os catro operarios da empresa Tragsa chegaron ao areal “para recoller as bolsas” do que limpara o voluntariado.

Porén, segundo relatou a rexedora, “non se puxeron en contacto co Concello” e “non saben onde está acopiado o material”, para poder recollelo. A seguir, Lago explica que, “ante a chegada da TVG, póñense a recoller os pellets”. Non obstante, os operarios de Tragsa “non traen material para facelo”.

Aos dez minutos, continúa a alcaldesa nacionalista, “marchan as cámaras”, e con elas, os operarios de Tragsa.

“Dez minutos de reloxo e un titular para abrir os informativos”, censura a rexedora de Muros. “Até non lles cae a cara de vergoña”, conclúe.

Nivel 1 do Plan Camgal

A pasada sexta feira, 5 de xaneiro, a Xunta da Galiza activou o nivel 1 do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental da Galiza (plan Camgal) para “conter” os efectos provocados pola vertedura de miles de millóns de pellets de plástico procedentes dun contedor que caeu ao mar dun buque mercante da empresa Maersk no pasado mes de decembro

Este nivel 1 do Plan Camgal que a Xunta activou case un mes máis tarde de ter coñecemento da vertedura, representa unha emerxencia de “nivel mínimo” e implica o despregamento de persoal (neste caso operarios da empresa Tragsa) para dar apoio ás entidades locais, cuxa capacidade para afrontar a catástrofe se ve actualmente desbordada.